fbpx
Vista xeral do monte tras o grave incendio que sufriu Porto do Son / A Rula

O que custaría protexer todos os bens patrimoniais, o 0,5% do territorio galego

Tempo de lectura: 3 min.

O patrimonio galego podería ser protexido para evitar que se queime e xerar riqueza. E non sería nin moi custoso, nin moi difícil. Pero a nova Lei de Montes, o mellor instrumento para facelo, ignora absolutamente os bens históricos e arqueolóxicos, sen considerar unhas faixas de protección como as establecidas para outros elementos, con 30 metros de exclusión de sistemas arbóreos, como son as vivendas, vías de comunicación, gasolineiras e outras instalacións. Por iso, o colectivo A Rula, nun interesante artigo, destaca a importancia de que a normativa tamén inclúa esas faixas de proteccións para os elementos patrimoniais que hai no monte.

Este colectivo calcula que establecendo estas limitacións poderíanse protexer a maior parte dos elementos patrimoniais de Galicia, incluíndo, petróglifos, mámoas, dolmenes, castros, outros bens megalíticos, castelos medievais e outras construcións históricas que se atopan catalogadas. En total serían 100 quilómetros cadrados, o 0,5% do noso territorio. Unha situación que serviría para crear unha auténtica infraestrutura verde, manter a biodiversidade e potenciar o turismo.

Petróglifos da Pedra da Loba, en Villestro, Santiago, afectados polo lume / A Rula

Petróglifos da Pedra da Loba, en Villestro, Santiago, afectados polo lume / A Rula

E é que, segundo suliña A Rula, os petróglifos galegos son particularmente sensibles aos lumes, por coincidir a súa área de distribución coa área de cultivo dos eucaliptos. Os danos provocados derívanse tanto dos fenómenos de termoclastia, que escachan a superficie das pedras polas altas temperaturas, como dos traballos de extinción con maquinaria pesada, que trituran todo o que atopan por diante.

Por iso, considera que o simple establecemento dun perímetro de protección de 5 metros desbrozados arredor (limpo de mato), xunto a outros 20 mais de exclusión de pirófitas, significaría unha faixa de protección de 2.000 a 2.500 metros cadrados en cada un destes bens de interese cultural (ao radio de 25 metros compre sumarlle unhas mínimas dimensións da pedra).

“Se calculamos que existen 3.000 petróglifos en Galicia, resultarían necesarias menos de 675 hectáreas para protexer toda a arte rupestre galega”, sinala A Rula. Considerando que algunhas pedras son bastante grandes, pero que moitos gravados agrúpanse en distancias menores a 50 metros (e consecuentemente as súas faixas solaparíanse), e por último que dificilmente quedarían por descubrir outros tantos petróglifos como o número actualmente coñecido, “poderíamos supoñer entón que unhas 1.000 hectáreas abondarían para todo o conxunto”.

Protección de mámoas, castros e outros bens patrimoniais

Se se fai un cálculo similar para as mámoas e considerando un radio medio de 15 metros, resultan 5.000 metros cadrados de faixa media (engadindo o núcleo da mámoa), que multiplicados por 6.000 unidades darían un total de 3.000 hectáreas de protección. No caso dos castros o cálculo sería dunha hectárea de media por castro multiplicada por 6.000 unidades, o que sumaría outras 6.000 hectáreas.

Engadindo mais elementos como círculos líticos, castelos altomedievais, poboamentos neolíticos ou calquera outro tipo de xacementos, aínda que coa salvedade de que só se pretende incluír aos que estean no monte (excluíndo aos correspondentes as terras agrarias ou solos urbanos), podemos supoñer que 10.000 hectáreas de faixas abondarían para protexer todo o patrimonio nos nosos montes.

Estado no que quedou a Pedra que Fala tras os lumes de 2016 / A Rula

Estado no que quedou a Pedra que Fala tras os lumes de 2016 / A Rula

Protexer só o 0,5% da superficie do monte

Deste xeito, se xuntáramos todo o patrimonio espallado e actualmente perdido polos montes, agrupándoo coma aos pobos indíxenas derrotados dunha reserva india, precisaríase unicamente dun cadrado de 10 x 10 quilómetros. “Eses 100 km2 representarían o 0,5% da superficie de monte en Galicia, e aínda que pensáramos que nos quedamos curtos dificilmente superaríamos o 1% da superficie en caso de ter que ampliala. De verdade pode sosterse que xestionar ou manexar o 1% da superficie dos montes para protección do patrimonio resultaría excesivo, inapropiado ou imposible de levar a cabo?”, indica A Rula.

Por iso, insiste na necesidade de instaurar esas faixas de protección do patrimonio na Lei de Montes porque “representaría un primeiro paso imprescindible para a creación dunha auténtica infraestrutura verde” nas zonas periurbanas, rururbanas e rurais de Galicia, que proporcione servizos sociais e ecosistémicos. “Actuarían como auténticos Santuarios de biodiversidade, ao servir de focos de dispersión e colonización de especies silvestres”, engaden.

Ademais, propón que se concreten as mellores vías para desenvolvelas, mediante sancións, compras, subvencións, compensacións, expropiacións agrupacións, concentracións, asociacionismo, esponsorización, certificacións forestais, custodia do territorio, ou calquera outra ferramenta que puidera empregarse é a cuestión metodolóxica a resolver.

“Pero xa estamos tardando en afrontar entre todos: cidadanía, propietarios, industria, gobernos e oposicións, o deterioro do patrimonio cultural dos nosos montes, que ademais de irreversible, supón a perda de múltiples oportunidades de desenvolvemento social, económico, turístico, cultural e de proxección exterior”, engade.

 

Pode que che interese...