fbpx
Imaxe de Ribadavia no século XIII, tal e como aparece nun tapiz

Recuperan documentos forais do século XV ao XVIII nos depósitos xudiciais do Carballiño

Tempo de lectura: < 1 min.

O sistema agrario galego estivo presidido historicamente polo réxime foral. O foro é un contrato agrario de orixe medieval e fórmula dominante da cesión da propiedade en Galicia dende o século XIII ata principios do século XX.

Precisamente, a Xunta de Galicia acaba de recuperar nos depósitos xudiciais do Carballiño documentación dun xuízo especial de foros que tivo lugar no 1947 e que contiña arquivos do século XV ao XVIII.

En concreto, o expediente forma parte do fondo do Tribunal Especial de Foros e atopábase custodiado nos depósitos do actual Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº1 do Carballiño.

Trátase dunha reclamación de renda foral dirixida a este Tribunal, na que se inclúe un testamento de doazón ao convento de San Domingo de Ribadavia, con data de 1427, da terra denominada ‘Chao de Castela, lugar de Sobreira Maior, freguesía de San Juan de Piñeiro, xurisdición de Maside’.

Tamén se xunta escritura de propiedade de 1601 e Real Provisión de 1787 a instancia do Prior do Convento para facer rateo do foro do lugar de Sobreira Maior.

O documento foi atopado durante o proceso de identificación da documentación anterior a 1946, considerada de interese patrimonial e que, polo tanto, segundo a Xunta debe transferirse ao Arquivo Histórico Provincial co fin de conservala e poñela en valor, permitindo a súa divulgación.

Pode que che interese...