fbpx
Vistas de Castro Candaz / sanchezdalamas.blogspot.com.es/

As verdades e as mentiras dos viquingos de Castro Candaz

Tempo de lectura: 5 min.

O baixo nivel do encoro de Belesar permite estes días acceder a pé ás ruínas do promontorio de Castro Candaz, en Chantada. E como alertou xa Historia de Galicia hai uns días, a afluencia de visitantes volveuse masiva polo inusitado interese que espertou este impresionante sitio arqueolóxico.

As cámaras da TVG achegáronse estes días a Chantada para comprobar in situ esta romaría a un dos lugares máis fermosos e máxicos de Galicia. “Son tantos os visitantes que os veciños do lugar tiveron que improvisar carteis para regular o aparcamento, como se dunha feira se tratase. Nos carteis, ademais, pídenlles aos turistas que traten as ruínas de Castro Candaz co debido respecto”, apunta o xornalista Félix Pérez Aragunde na nova.

Nos carteis, os veciños desta parroquia de Chantada pídenlles aos turistas que traten as ruínas de Castro Candaz co debido respecto. “Non en van, é un enclave cunha grande importancia na historia de Galicia, onde se libraron batallas tanto no tempo dos normandos como nas revoltas irmandiñas”, suliña Pérez Aragunde.

Carteis alertando de que se respete o entorno de Castro Candaz pola masiva afluencia de visitantes / TVG

O pasado “glorioso” do sitio arqueolóxico

Con todo, e a pesar de que o Concello de Chantada incide na súa páxina web nese “pasado glorioso”de Castro Candaz, no que, se mesturan historias de romanos, viquingos e irmandiños, o certo é que non todo é ouro o que reloce. Para algúns xornalistas, son “historias poco verosímiles”, pero para destacados historiadores que escribiron sobre a historia dos viquingos en Galicia, e para outros medievalistas consultados por Historia de Galicia, non sempre as historias dos vellos manuais de historia teñen porque ser erróneas. De feito, a propia historia deste país está baseada en mitoloxía que sempre ten unha base real.

Obviamente, cando Murguia Benito Vicetto ou Vicente Risco deron a súa visión da Historia de Galicia, tampouco contaban con ferramentas verosímiles de comprobación histórica. Utilizaron os mitos, as historias orais, as lendas e, obviamente, as fontes históricas das que dispuñan na época. E, aínda así, seguen mencionándose en manuais de historia, como tamén se menciona ao profesor e erudito local Manuel Formoso Lamas, que foi o primeiro en vincular Castro Candaz cos viquingos a principios do século XX. O seu non foi un relato novelado, senón que se fundamentou no estudo de información medieval e nas lendas e mitoloxías locais de Chantada, aínda que, como os Murguía, os Risco ou os Vicetto tamén poida ter caído en contradicións como, por outra banda, era habitual na historia daquel tempo. En todo caso, é xusto recoñecer a actividade que moitos destes “eruditos ou investigadores locais” fixeron e aínda fan pola historia deste país.

Sen embargo, e a pesar de que non haxa informacións verosímiles sobre un ataque viquingo a Castro Candaz, o certo é que hai lendas que falan da súa chegada a esta terrra. Tamén a mitoloxía heróica das familias desta zona se basesa nese pasado mítico tal e como ten recollido o profesor e divulgador Manuel Gago.

Un dos grandes expertos sobre o mundo dos viquingos en Galicia e España, Eduardo Morales Romero, non ten problema en recoller no seu libro “Os viquingos en Galicia” o ataque viquingo a Castro Candaz do que dá conta Formoso Lamas. Pero, ademais, asegura que, segundo as crónicas da época, a chegada dos viquingos a Chantada puido ser unha realidade. E para iso, aínda que poucas, hai fontes como as propias sagas escandinavas ou mesmo a Crónica Compostelá, que facilitan datos sobre esas invasións normandas en Galicia, entre elas a Knytinga Saga ou a Saga do rei Olaf do islandés Sturlsson Snorri.

Vista de Castro Candaz, parcialmente asolagado polas augas do encoiro de Belesar / twitter @KrisPereiras

As crónicas

Segundo as crónicas, tamén Alfonso III no ano 907 -Formoso Lamas sinala o 807 pero é erro seguro xa que o rei naceu en 833– concedeu a outro cabaleiro, Altras Fernández de Temes, tamén de Chantada e parente dos devanditos Eiriz, un privilexio polo mesmo feito de armas no que se fai referencia a ubi perriit multitudo Normandorum –alí onde morreu multitude de normandos–”, escribe Morales Romero.

E vai máis alá ao apuntar, aínda que sexa xa tradición, que o propio topónimo Chantada ten a súa orixe nas correrías viquingas por estes territorios. “Para uns, após ser asolada polos normandos, a vila foi plantada no senso de levantada ou reedificada polos veciños. Para outros, o topónimo provén de certa fortificación ergueita como defensa dos viquingos consistente en estacas plantadas no chan para estorbaren os ataques inimigos. Sexa como for, é o caso que a tradición vencella a orixe do nome coas incursións piráticas de mediados do século IX”, indica.

Historias noveladas

O mesmo xornalista de La Voz de Galicia citado antes, Francisco Albo,  realizou en 2012 unha entrevista ao escritor Francisco Narla sobre a publicación da súa novela Asur, “que algunos críticos comparan con los best-sellers históricos de Ken Follett y Noah Gordon”, dicía entón o informador. Esta obra narra como un mozo que foi feito prisioneiro polas invasións viquingas que sufriu Galicia acabou participando nas expedicións escandinavas a América do Norte que tiveron lugar en torno ao ano 1000.

Antiga vivenda, na unión entre os dous ríos, ao carón de Castro Candaz / sanchezdalamas.blogspot.com.es/

En Galicia hubo como media docena de invasiones vikingas y la novela está ambientada en la que duró más tiempo, que se prolongó entre cinco y diez años, según los diferentes historiadores. Aunque los datos son algo confusos y a veces no es fácil determinar en qué momento concreto sucedieron algunos hechos, se sabe que en esa época fueron arrasadas varias poblaciones en las cuencas del Ulla y del Miño y Chantada y Monforte también sufrieron ataques”, apuntaba o novelista que, aínda que non é historiador, tamén afondou nas fontes históricas para tentar ambientar históricamente a súa novela que, por outra banda, e aínda que fale de feitos que puideron ser reais, non deixa de ser unha novela.

Fue un periodo muy convulso en el que los problemas políticos y sociales y las luchas por el poder impidieron que en los territorios de Galicia, León y Asturias se formase una fuerza militar unida que fuese capaz de frenar a los invasores”, suliñaba Narla nesa entrevista en La Voz da edición de Lemos.

O certo é que estiveran ou non os viquingos en Chantada e en Castro Candaz, aínda que as evidencias históricas, os mitos e as lendas apunten nese sentido, o máis lóxico tería sido conservar ese enclave histórico que está asolagado e que nas últimas semanas se ten convertido “nunha feira”. Ou, en todo caso, xa que iso é agora imposible, tentar acordar con Gas Natural, a propietaria do encoro de Belesar, a posibilidade de realizar, en épocas de seca ou durante o verán, cando as augas da presa están máis baixas, un estudo arqueolóxico en condicións para tentar saír de dúbidas.

E se iso é, aínda posible, poderisase tentar averiguar arqueolóxicamente se por Castro Candaz pasaron os viquingos. Eses mesmos que recrean as lendas da comarca e que recolleron eluditos locais coma Formoso Lamas. Ao fin e ao cabo, tamén a cidade de Troia era un mito recollido nas obras de Homero, ata que Heinrich Shliemann descubriu que existía de verdade.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...