fbpx
Garda Pretoriana saíndo pola muralla de Lugo
A Garda Pretoriana de Lugo sae por unha das portas da antiga muralla romana da cidade / concellodelugo.gal

A construción dunha balsa castreña e unha festa celta entre as novidades do Arde Lucus 2017

Tempo de lectura: 4 min.

A conta atrás para o Arde Lvcvs, declarado recentemente Festa de Interese Turístico Nacional, xa está en marcha. Un evento no que se agardan centos de milleiros de turistas –o ano pasado o concello asegura que pasaron pola cidade 600.000 visitantes que deixaron 12 millóns de euros– e no que están previsto loitas entre romanos e castrexos, desfiles de moda romana, xogos de época, obradoiros ou ciclos de cinema.

Un conxunto de eventos que teñen lugar dentro do Lvcvs Cvltvral, que presentou este martes no Vello Cárcere a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Nesta edición, o Concello, xunto coas asociacións de recreación histórica, ofrece medio cento de actividades abertas e gratuítas, que terán lugar dende o día 22 de maio ao 28 de xuño, e que contemplan cine, encontros de moda, andainas, xogos romanos e castrexos, degustacións gastronómicas, obradoiros e conferencias, concursos, exposicións ou desfiles de tropas, entre outros.

A concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, presenta as actividades do Arde Lucus 2017 / Concello de Lugo

Carmen Basadre sinalou que esta programación é moi acaída para ir preparando o ambiente para o Arde Lvcvs, que se celebrará o 30 e 31 de xuño e 1 de xullo, e para coñecer a fondo a historia de Lugo, “a historia romana pero tamén a castrexa da nosa cidade”. Así mesmo, anunciou algunha das novidades desta programación, como poden ser o I Concurso Fotográfico sobre o Arde Lvcvs, organizado pola Asociación Salesiani Luci Augusti, no que poden participar persoas maiores de 8 anos, con residencia na provincia de Lugo. Posteriormente, en maio celebrarase unha exposición destas fotografías.

Novidades

Pero este ano haberá tamén outras novidades como construción dunha balsa indíxena na Ponte Romana, exposición de alimentos e produtos de época, así como a Festa de Beltaine, que marca a metade do ano celta, o 13 de maio, no Paseo do Miño en xornada de tarde, e a presentación do libro Archienemigos de Roma, de Gabriel Castelló, no Vello Cárcere, o 23 de maio ás 20:00 horas.

Carmen Basadre agradeceu a colaboración ás máis de vinte asociacións de recreación histórica, tanto nesta programación como no Arde Lvcvs, así como felicitou a Cohors III Lucensium, que neste 2017 celebra o seu décimo aniversario, sendo a primeira asociación en constituírse. O secretario deste colectivo, Miguel Alvero, estivo presente na presentación desta programación, onde agradeceu a implicación do Concello, da poboación e de todas as asociacións nas festas do Arde Lvcvs.

Loita de gladiadores no Arde Lucus / Xurxo Salgado

Lugo volve ao seu pasado dun xeito cultural

O Lvcvs Cvltvral arrincará con obradoiros de barro e mandalas, na Praza Viana do Castelo, e con Xogos Romanos, na Praza do Castiñeiro, de 17:00 a 20:00 horas ambas as dúas actividades, o día 22 de abril. Neste mesmo mes, o día 29, a Praza de Augas Férreas acollerá xogos castrexos, de 17:00 a 20:00 horas. Ademais abrirase o prazo para novas incorporacións ao Grupo de Mitoloxía de Lucus Augusti. Xa no mes de maio, terá lugar a ruta pola Vía XIX Romana, dende Santalla de Bóveda ao Burgo. Esta programación tamén inclúe o IV Encontro de moda, vestimenta, artesanía e produtos da época romana, que este ano se traslada ao Vello Cárcere. Ademais, o Cantiño de Nemesio Cobrereos acollerá a mostra de moda e vestimenta.

Nesta edición tamén se volven ofertar rutas, neste caso unha fluvial, polo Rato, Termas e Catedral, o 28 de maio, ás 10:00 horas dende diante do Centro de Interpretación Terras do Miño, e outra polo río Azúmara-Castro de Viladonga. Tamén, a Garda Pretoriana realizará o Camiño de Santiago.

Enmarcado dentro da programción do Lvcvs Cvltvral atópase o Haspartum, un xogo de pelota que practicaban as lexións de Roma, no Paseo do Miño, o 27 de maio, a partir das 17:00 horas; venda de pan romano a cargo da Asociación de Panadeiros e Panadeiras, unha exposición da Cohors no MIHL, do 10 ao 22 de maio, e un obradoiro de modelado en barro no museo de Porta Miñá, os días 20 e 27 de maio.

Ciclo de cinema

Visitas aos museos, cine arqueolóxico no Vello Cárcere, un ciclo de conferencias, o típico concurso de escaparates de temática romana e castrexa, que este ano aumenta para engalanar balcóns e fachadas, cun premio único de 600 euros, obradoiros e xogos no Parque de Frigsa, Campo Castelo, Praza Maior, e a quincena gastrorromana Ars Magirica, son outras das actividades do Lvcvs Cvltvral do 2017.

Para aqueles veciños e veciñas que queiran preparar a súa vestimenta para esta festa de recreación histórica, poderán facelo nos obradoiros da Casa da Xuventude, todos os sábados de 17:00 a 20:00 horas.

Máis información en www.lugo.gal, no teléfono de atención cidadá 010 e nas redes sociais oficias do Arde Lvcvs.

Pode que che interese...