fbpx
As Torres Hejduk, na Cidade da Cultura / xunta.gal

As Torres Hejduk ou como reconverter a Cidade da Cultura nun espazo onde preservar a arquitectura galega desaparecida

Tempo de lectura: 3 min.

As Torres Hejduk acollerán un arquivo sonoro da arquitectura galega desaparecida. Unha iniciativa que se materializará tras ser o proxecto ‘AAMA’ (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica), de Francisco Ramallo, gañador da V Convocatoria de Intervencións Artísticas neste espazo, convocada entre os participantes do último Encontro de Artistas Novos.

Este doutor en Historia da Arte e licenciado en dereito pola Universidade de Granada procura co seu proxecto que as Torres Hejduk, no complexo da Cidade da Cultura, se convertan nun arquivo que sirva de “ferramenta” para loitar contra o esquecemento da arquitectura galega desaparecida, á vez que suporían un espazo para a “investigación e reflexión”, ao recoller pequenos relatos sonoros dos galegos e galegas que experimentaron nestes edificios agora xa non existentes.

Tales voces serán recompiladas polos artistas galegos que pasaron polo EAN7, que exercerán de intermediarios entre as testemuñas e os seus lugares de orixe e o seu novo arquivo, levando a cabo un labor de selección de experiencias relativas aos edificios desaparecidos no territorio galego.

Edificios icónicos desaparecidos

Entre as posibles arquitecturas desaparecidas sobre as que versará o proxecto, o artista apunta ao Edificio Castromil, en Santiago de Compostela, construído en 1922 e derrubado en 1974; Fábrica de lapis de Ferrol Vello, construída en 1933 e derrubada en 2012; Atlántico Hotel, na Coruña, construído en 1923 e derrubado en 1967; o Convento das Adoratrices, en Ourense; ou o Hotel Continental, en Vigo.

O resultado, segundo Francisco Ramallo, conformará un arquivo sonoro aberto de arquitectura galega desaparecida, coa posibilidade constante de incorporar voces novas coas que continuar a engrosar un patrimonio inmaterial, elaborado a partir de pequenas historias dos e das que tiveron contacto con estes edificios.

O artista explica que a orixe deste proxecto está na consideración da Cidade da Cultura (e as Torres Hejduk) como un lugar de encontro de “grandes relatos arquitectónicos”, entre a “posmodernidade urbana”, representada por Peter Eisenman e John Hejduk, e o Santiago de Histórico: “A Cidade da Cultura ‒afirmou‒ mira á antiga cidade de Santiago e as Torres Hejduk –consideradas polo propio creador destas como “a igrexa sen corpo”– miran ás torres da Catedral de Santiago”.

Edificio Castromil, antiga estación de Santiago, demolida nos anos 70

Novo “recipiente arquivístico”

Deste xeito, a intención do proxecto de Francisco Ramallo é que as Torres Hejduk se convertan nun novo “recipiente arquivístico” a medio camiño entre o metafórico e o documental, “que rescatará tales edificios (os desaparecidos) e se sumará á tarefa de conservación e difusión do conxunto da Cidade da Cultura, representado nas institucións da Biblioteca e Arquivo de Galicia, que custodian algún dos máis representativos legados culturais galegos (Isaac Díaz Pardo, a biblioteca de Basilio Losada, etc).

A intervención de Francisco Ramallo inaugurarase, como é costume, o derradeiro día dos VIII Encontros de Artistas Novos, que se celebrará no verán de 2018 e estará aberta tres meses, con entrada de balde.

Na actualidade, aínda está activa, e ata o 26 de novembro, a intervención gañadora do ano pasado, ‘A través dun horizonte sen corpo’, de Fredy Solano, que fai emerxer entre as Torres Hejduk unha terceira ‘non existente’, grazas a unha malla de fío de rede tinguida de cores.

Investigador, autor, docente e deseñador

Francisco Ramallo é Doutor en Historia da arte pola UGR. Realizou másteres en Linguaxes e poéticas da arte contemporánea, en Investigación e produción en arte, en Xestión cultural e en Estudos literarios nas universidades de Granada e Madrid.

Tamén levou a cabo diferentes estancias de investigación na City of New York University (NYC), que concluíron coa publicación de El espacio como categoría surrealista en la producción artística contemporánea. Ademais, é autor de publicacións como: Espacio hostil y género en 1931: una novela de Miquel Llor y una fotografía de Claude Cahun; Ciudad postmoderna, ciudad surreal; ou La superposición de ciudades como característica surreal del urbanismo postmoderno.

Actualmente é profesor de Arte contemporánea en Boston University Madrid e na University of California (Davis) de Madrid, actividade que compaxina co seu labor de comisario independente (proxecto ‘Ut pictura’ en 2017, proxectos para Photoespaña durante os anos 2015, 2016 e 2017, ‘Creadores. La Térmica’ 2016, proxectos performáticos #nodrama na Galería No estudio 2015, etc.), así como a titorización de artistas (La Térmica). Deseñou o módulo de arte contemporánea do Máster en Mercado, Axentes e tendencias da arte actual da UMH, onde tamén é docente, e desempeñou nos últimos anos o labor de asesor e documentalista en diferentes institucións (SECC, Fundación Lorca, etc.)

Pode que che interese...