Berro / foto PezibearCC0

O Berro Seco e o Santo da Pólvora, as dúas singulares tradicións da renovada romaría de San Fins

Tempo de lectura: 2 min.

O día 1 de agosto, despois da misa, na carballeira cabanesa de San Fins, os milleiros de persoas congregados na romaría agáchanse xuntos e se erguen berrando con forza. Repiten este berro tres veces, cada unha máis forte que a anterior. Este é o histórico Berro Seco de San Fins do Castro, a romaría que todos os anos se celebra na parroquia de Cesullas, en Cabana de Bergantiños. A antiga romaría toma a súa sona da época na que o crego Saturnino Cuíñas Lois, a promocionou. foi el tamén quen creou o berro a partires das tradicións do folclore da zona que durante máis de 47 anos adicouse a recoller. Segundo el era o berro que empregaban os canteiros para facer forza ó tempo cando precisaban erguer pedras.

E é que no fondo da carballeira, e antes de que as orquestras comecen a sesión vermú, o cura de Cesullas diríxese ós fieis congregados no lugar e os fai erguer o seus tres berros ó ceo. Despois, cántase o himno do San Fins, e unha mecha de pólvora prende de súpeto unha pequena falla de figuras animadas que mudan cada ano, o Santo da Pólvora. É unha tradición aínda máis antiga que o berro remontándose seguramente a finais do século XIX ou comezos do XX. A figura representa polo xeral unha parella que traballa en diferentes oficios, afiadores, ferreiros, canteiros, labradores, que o lume e a pólvora move a toda presa ata que a mesma pólvora se esgota e finalmente acaban estoupando.

E é que é esta unha das romarías máis importantes da zona e unha festa de gran mobilización popular, tanto devocional como lúdica. Foi historicamente unha das romarías de máis devoción do occidente bergantiñán, unha festa que mistura o relixioso como profano. A festa fíxose famosa ademais porque a finais da década de 1980 o grupo musical Milladoiro fixouse nestas curiosas tradicións editando un disco inspirado nelas, “O Berro Seco”,. Máis tarde, a finais da década de 1990, repetiron a experiencia e editaron un segundo disco adicado ó concello “No confín dos verdes castros”, inspirado no castro de Borneiro e no verso de Pondal. A festa remata cando os rapaces novo do lugar, despois de toda a noite de troula e empapados en viño, baixan bañarse no amencer nalgunha das abundantes praias do Concello. A festa foi declarada de Interese Turístico no ano 2008.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: