fbpx
A Torre de Hércules de azul para festexar os seus sete anos como Patrimonio da Humanidade / eloytp.blogspot.com
A Torre de Hércules de azul para festexar os seus sete anos como Patrimonio da Humanidade / eloytp.blogspot.com

Romanos, irlandeses, guerrilleiros… As historias que oculta a Torre de Hércules ao descuberto

Tempo de lectura: 3 min.

“Todo paseo polo contorno da Torre de Hércules convida a unha reflexión constante arredor dos moitos capítulos da historia, non xa local ou galega, senón tamén de Occidente”, afirma Antonio Sandoval, autor de «A Torre», o primeiro volume da colección Vitamina N, no catálogo de KALANDRAKA. Unha obra que recolle as historias deste mítico monumento Patrimonio da Humanidade.

A presenza de petróglifos moi preto do monumento, xunto coas numerosas lendas e relatos mitolóxicos que transcorren neste escenario, dan conta do seu pasado “máis incerto e remoto”. A propia Torre, de factura romana, remite ás navegacións imperiais e a moitas máis travesías que tiveron a luz deste faro como referencia.

En «A Torre», que se presentará este xoves a partir das 19:30 horas na libraría Moito Conto da Coruña, pódense ler longas pasaxes sobre as idas e vidas de embarcacións nas que, ao longo das sucesivas épocas, viaxaron famosos personaxes. “É unha forma moi literaria de describir cantos camiños mariños da historia se cruzaron aquí”, explica o autor.

Petróglifos na Pedra da Brúxula, en Punta Herminia, no entorno da Torre de Hércules / Xosé Troiano

San Amaro, fusilamentos e irlandeses

Lendas como a de San Amaro conducen a Antonio Sandoval a reflexionar sobre as utopías. A proximidade do antigo cárcere provincial e dun campo de fusilamentos tralo golpe de Estado do 36 fanlle lembrar tamén “algunhas das peores formas de totalitarismo do século XX”.

Noutro apartado da obra nárranse os esforzos de Philip O’Sullivan -historiador irlandés do século XVII formado en Compostela- por poñer en valor os “vínculos entre Galicia e Irlanda” descritos nas crónicas gaélicas, co propósito de reclamarlle á Coroa española un “trato especial” á súa familia e ao resto de Chieftains exiliados aquí logo da Guerra dos nove anos contra as tropas de Isabel I de Inglaterra.

Estas son só algunhas das abundantes notas históricas que, neste “paseo literario”, se mesturan con descricións da paisaxe, da flora e da fauna, así como sensacións ou reflexións diversas. Sobre todo, abórdase a necesidade de conservar a biodiversidade planetaria “como clave na construcción dun futuro próspero; un paradigma cultural relativamente novo, cuxo grado de asunción e de integración nas políticas actuais deberán valorar quen, no futuro, escriba a historia deste tempo”, precisa Sandoval.

«A Torre» representa, pois, unha nova aproximación á Torre de Hércules e á súa contorna dende unha visión polisémica do monumento e do territorio circundante. Declarado Patrimonio da Humanidade en 2009, a Torre é a protagonista e o fío condutor da obra, na súa súa condición de faro, referente arquitectónico da antigüidade e icona social contemporánea.

Natureza e patrimonio

“Somos natureza, criaturas naturais”, sostén Antonio Sandoval que, ademais de autor de «A Torre» tamén é o coordinador de Vitamina N. Estas “Lecturas ao Natural” -lema da colección- pretenden contribuír á restauración dos equilibrios ecolóxicos que hoxe en día están rotos ou en serio perigo de conservación, ademais de celebrar o mundo natural e invitar á reflexión sobre a necesaria protección da biodiversidade, coa literatura como plataforma para impulsar os oportunos cambios de actitude.

Libro A Torre, sobre a historia e o patrimonio da Torre de Hércules / Kalandraka

Partindo do concepto de “Transtorno por déficit de natureza”, desenvolvido polo escritor Ricard Louv para explicar as doenzas físicas, sensoriais, emocionais e culturais motivadas polo desapego do medio natural, Vitamina N aspira a combater esas alteracións motivando as lectoras e os lectores a recobrar o contacto coa biodiversidade, a comprendela, admirala e respectala dun modo consciente, san e construtivo, activando “un compromiso persoal e social cada vez maior coa súa conservación e recuperación”, explica Sandoval.

Despois de «A Torre», a colección continuará con “Corredoira”, de Robert Macfarlane. Xesús Fraga realizou a tradución ao galego de ambos títulos, que contan coa proposta gráfica do ilustrador Adrià Fruitós. Son libros impresos en papel procedente de bosques e plantacións xestionados con estándares que garanten a explotación sostible dos recursos. As Lecturas ao Natural de Vitamina N cumpren así cos requisitos ambientais e sociais recollidos no proxecto «Libros amigos dos bosques».

Antonio Sandoval é escritor, comunicador ambiental e ornitólogo. Entre os seus libros figuran “¿Para qué sirven las aves?”, “Las aves marinas de Estaca de Bares. Un diario personal”, “BirdFlyway. Un viaje en familia por la Ruta de las Aves” ou “A árbore da escola”. Colabora con diversos medios de comunicación e revistas científicas. Ten participado en proxectos ambientais, de interpretación do patrimonio e turismo de natureza. Está vencellado a organizacións de estudo e conservación do medio natural, e forma parte do Instituto Xosé Cornide de Estudios Coruñeses.

Pode que che interese...