fbpx
Pedra cos gravados nunha mámoa de Friol / Xabier Moure

Case 300 mámoas no gran cemiterio megalítico de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure, localizamos dúas novas mámoas no concello de Friol. Foi nos montes da aldea das Penelas, na parroquia de Anxeriz, nunha penichaira situada a 515 metros de altitude. Unhas mámoas que se suman ás case 300 das que se teñen constancia.

Teñen unhas medidas de 21 e 25 metros de diámetro, e 1,5 e 2 metros de altura respectivamente. Do cráter central de violación da de menor tamaño
asoman tres esteos graníticos da cámara funeraria. Ambas as dúas foron profanadas tal como nolo amosan os conos de violación central, posiblemente
a raíz do permiso real outorgado no ano 1609 ao fidalgo e crego do couto de Recimil de Parga, Vázquez de Orxas, para buscar tesouros, o que ocasionou a destrución polos campesiños de miles de enterramentos ao longo de toda Galicia, algúns moi ben documentados no municipio de Friol. Unha medorra está cuberta por fentos e xestas, e sobre a outra medran carballos e un gran piñeiro.

Outra mámoa

A pouca distancia destes enterramentos atópase unha gran mámoa que documentamos no mes de febreiro de 2018, cunhas medidas de 25 metros de
diámetro e 3 de altura e que xa foi catalogada por Patrimonio. Hai uns 60 anos escaváronlle un enorme “pasillo” ata o centro para extraer os esteos de pedra da cámara megalítica para utilizar noutas construcións e para buscar tesouros. Nas inmediacións, tirados polo chan, algúns partidos, hai varios chantos da citada cámara funeraria.

Mámoa de Anxeriz, en Friol, cuberta por eucaliptos / Xabier Moure

A pesares de velos noutras ocasións, non foi ata onte, debido á posición do sol, cando observamos sobre un dos chantos varios símbolos gravados en forma de ondulados. De feito, segundo nos contaran noutra ocasión, cando destruíron o dolmen apreciaran pinturas de cor vermella e gravados. Estas representacións interprétanse como correntes de auga, co devir sinuoso da vida, ou coa serpe que na relixiosidade primitiva tiña un significado positivo. A serpe relaciónase coa fertilidade e tamén coa inmortalidade. Estes motivos son semellantes a outros que descubrimos no mesmo concello, nun esteo dunha mámoa do monte Vilaldar, na parroquia de Miraz, o pasado ano 2018, e que tamén foi catalogado por Patrimonio. Estas  epresentacións conlevan, tal como sinala a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), o que lle outorga a máxima protección legal. Os gravados nas cámaras funerarias son moi escasos no megalitismo galego.

6.000 anos

A súa antigüidade ronda os 6.000 anos. Os achados xa foron comunicados ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación.

Para rematar, tamén lle comunicamos á Xunta a agresión a dúas mámoas do Monte do Espiño, tamén na parroquia de Anxeriz, pola plantación de
eucaliptos sobre os túmulos. Teñen unhas medidas de 14 e 20 metros de diámetro respectivamente e están catalogadas por Patrimonio dende o ano
1997.

Non cabe dúbida de que Friol pode ser considerado como o concello de Galicia con máis patrimonio megalítico. Calculamos que puído haber uns 300
enterramentos, aínda que uns 100 foron totalmente destruídos ao longo do tempo, algúns en época recente.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...