Axuda a salvar un mosteiro do século X convertido nun vertedoiro
Na parroquia de Albeos, en Crecente, lugar onde naceu San Paio, consérvanse en pésimas condicións as ruinas dun mosteiro románico de freiras bieitas. Un mosteiro que leva anos convertido nun cortello e a punto de caer. De feito, seus donos decidiron poñelo á venda nun recoñecido portal de patrimonio para que alguén poida restauralo. O prezo de saída era de 300.000 euros, pero aínda así, ninguén poxou por el.
Hoxe non é máis que unha pequena finca rodeada das casas da aldea de Mosteiro na parroquia de San Xoán de Albeos. Nos últimos anos, ademais do deterioro normal sobre a fábrica da obra medieval que se conserva, o lugar foise convertendo nun vertedoiro incontrolado que contén todo tipo de plásticos, latas, cristais e mesmo electrodomésticos en desuso que se foron depositados alí.

Mosteiro de Albeos, en Crecente, do século X, e convetido nun vertedoiro / O sorriso de Daniel
As orixes
As orixes deste cenobio remóntanse até o século X, momento no que o bispo de Tui, Hermoxio, mándao construír na honra do seu sobriño Paio, martirizado en Córdoba durante o califato de Abderramán III, no ano 925. De feito, é mencionado na documentación como a doazón de Dona Urraca da metade do mosteiro ao bispado de Tui en 1071. Se ben, a actual obra que nos chega moi alterada, poderíase datar cara finais do século XII ou principios do XIII.
“A día de hoxe, o mosteiro preséntasenos como un pequeno edificio de planta rectangular, carente de cuberta, invadido por unha grande mata de hedra e parte del empregado como alpendre”, recolle o portal Patrimoniogalego.net, que o ten na súa lista vermella.
As ruínas do mosteiro conservan entre outros valores patrimoniais un importante tímpano románico de rica iconografía tallado polas dúas caras que no exterior representa a imaxe dun Pantocrátor rodeado de anxos e na cara interior ten tallada unha fermosa cruz de Entrelazos.
O cenobio aínda conserva un arco de medio punto que podería considerarse posterior á primitiva construcción e que na actualidade aparece tapiado. Dado que parte da construcción aparece parcialmente soterrada, sería preciso levar a cabo actuacións arqueolóxicas e desde logo unha urxente actuación de limpeza da vexetación e consolidación dos muros para a súa conservación.

Tímpano do mosteiro de Albeos, en Crecente / patrimoniogalego.net
Actuación do Sorriso de Daniel
E iso é o que vai facer a Asociación de Patrimonio románico O Sorriso de Daniel a finais deste mes de setembro. Unha vez acadado un acordo cos propietarios que residen no extranxeiro, realizarán unha limpeza “Que sirva para recuperar a dignidade que deberían ter”.
A asocición dirixiu unha carta informativa á Dirección Xeral de Patrimonio, rexistrada o 12 de agosto, comunicando as condicións nas que se fará esa limpeza e pediulle ao Concello de Crecente a colocación dun container de obra para proceder a depositar o material retirado e trasladalo ás instalacións que teña o concello para este tipo de residuos.
Os e as interesadas en participar en http://osorrisodedaniel

O mosteiro de Albeos chego de refugallos / O Sorriso de Daniel