fbpx
Torres de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

Unha inmobiliaria alemá vende unha fortaleza medieval por 1,5 millóns de euros, tres millóns menos do que pedía en 2011

Tempo de lectura: 3 min.

Patio, piscina, vistas ó mar, á montaña, xardíns, chemineas, 8 dormitorios, 5 baños, 6 prazas de garaxe e aproximadamente 1.641 m² construídos. Así son as Torres de Cereixo, o “castelo do século XV”, que se está a vender na inmobiliaria alemá con franquía en Santiago, Engel & Völkers. O pazo véndese por 1,5 millóns de euros e, iso si, trátase dunha “propiedade histórica” “declarada Ben de Interese Cultural”.

Son de feito as Torres de Cereixo, un dos pazos máis significativos da Costa da Morte. Remóntanse ó século XV ou XVI e nel poden verse escudos de Bermúdez, Castro de Lemos, Mendoza, Moscoso e Soutomaior. O pazo é tamén un dos máis impresionantes e mellor conservados da Costa da Morte. Atópase no Concello de Vimianzo, na pequena saída ó mar que ten o concello, ó pé da histórica Vila da Ponte do Porto, no esteiro da ría de Camariñas.

Detalle das Torres de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

Unha segunda residencia de luxo

Xa en 2011 o pazo se puxera á venta por 4,5 millóns de euros, prezo moi superior o que se pide hoxe en día. Hoxe pídese 1,5 millóns, o que é un prezo relativamente baixo para o que podería ser unha propiedade destas características. Ademais se atopa nun excepcional estado de conservación e plenamente útil para a súa vivenda vacacional ou a súa adaptación para establecemento hoteleiro.

Ademais ó estar declarado Ben de interese Cultural podería pasar a formar parte do patrimonio público. Pois as administracións con competencias en patrimonio cultural poden exercer o seu dereito de tanteo e retracto. Isto quere dicir que poden facerse co pazo ó mesmo prezo que os posibles compradores privados. Porén, a oferta da inmobiliaria pon de relevo a súa función das últimas décadas como residencia privada.

Detalle das Torres de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

Un dos epicentros do patrimonio da Costa da Morte

E é que o pazo é un dos máis significativos da Costa da Morte e da Galicia atlántica en Xeral e constitúe tamén un dos epicentros do patrimonio cultural desta zona de Galicia. Na súa contorna directa se atopan elementos únicos, tanto no contorno do pazo e as súas antigas terras, como en xeral no esteiro da ría de Camariñas e Muxía.

E é que ó seu mesmo pé atópase unha das igrexas románicas máis importantes da Costa da Morte, Santiago de Cereixo. A igrexa é do século XII, e conta coa singularidade de ter un relevo único en Galicia que representa a translatio, ou a traída do corpo do Apóstolo a Galicia nunha barca de pedra. Ademais ó pé do seu adro existe un carballo milenario que figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia e que cubre toda a praza.

Detalle de Santiago de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

Mais a importancia do lugar non so remata na propia igrexa de Santiago, pois aínda que non figuren a día de hoxe na propiedade do pazo si podemos achar na súa contorna elementos excepcionais, coma un hórreo de máis de trinta pés, un excepcional muíño de maré de dous andares ou un embarcadoiro, así como múltiples casas que no seu día tiveron que ver cos servizos accesorios ó pazo. Ó pé do lugar atópase tamén a histórica vila da Ponte do Porto, unha vila medieval que conserva unha ponte gótica do século XVI.

Carballo de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...