fbpx
Casa Carniceiro, de Rafael González Villar / foto proyectopalmera.com

Arde a singular Casa Carniceiro do arquitecto González Villar en Oleiros

Tempo de lectura: 2 min.

No ano 1916 o arquitecto Rafael González Villar deseñaba unha excepcional vivenda ó pé da ría para o propietario dun viveiro de ostras, Enrique Carnicero Ríos. O singular chalé, un dos máis significativos dentro do estilo de este excepcional creador coruñés, era unha xoia que integraba diferentes influencias, dende os diferentes estilos rexionalistas, o eclecticismo, o modernismo e o decó.

A pesares de atoparse nos últimos anos nun estado próximo a ruína, o chalé permaneceu en pé máis de 100 anos, como reflexo da exquisitez arquitectónica que a comezos do século pasado tiveron os arredores da cidade da Coruña. Foi así ata que o pasado xoves, ó redor das 20.30 da tarde a antiga vivenda comezou a arder.

Casa Carnidcero, de Rafael González Villar / foto proyectopalmera.com

Ata o lugar, en plena Ponte da Pasaxe, tiveron que achegarse varias dotacións da Policía Local e varios camións de bombeiros de Oleiros, Arteixo e Betanzos. Tivo que desviarse o tráfico da N-VI que pasa polo lugar e desaloxar o edificio colindante, de oito andares. Porén, ó redor das 22.00 horas o incendio xa se deu por extinto sen danos persoais.

Polo de agora descoñécense as causas do incendio, e, aínda que algúns medios de comunicación especularon coa idea de que o edificio podía estar ocupado, a Garda Civil confirmou que a vivenda non estaba habitada por ninguén. O chalé catalogado polo Concello contaba con protección non integral, incluídas cuberta e fachada. Mais atopábase dende facía moitas décadas afogado pola medianeira do alto edificio colindante.

Casa Carnidcero, de Rafael González Villar nunha imaxe histórica durante a súa construción

 

 

 

Pode que che interese...