Monforte quere recuperar as súas dúas grandes pontes históricas a través dun novo proxecto
Unha gran fortaleza sobre os lemos ó pé do río Cabe. Esa é identidade de Monforte. Mais, por moitos séculos, para cruzar o Cabe, este caudaloso afluente do Sil, a vila tivo que facer uso da hoxe chamada Ponte Vella. Foi así ata que no ano 1904, inaugurouse unha ampla e moderna ponte, coñecida como a Ponte de Ferro.
Tratábase dunha ponte de arco atirantado feita, como o seu nome indica, en ferro. A ponte daba paso peonil máis tamén ó tráfico rodado, que nas primeiras décadas do século comezaba a circular pola vila. Por máis de medio século a ponte permaneceu en pé, ata que, e a pesar das denuncias reiteradas de algúns concelleiros polo seu estado ruinoso, no ano 1952 veuse abaixo.
Construíuse no seu lugar unha nova ponte, alintelada e de formigón. É a que hoxe, aínda que ampliada, se conserva na vila e se coñece como ponte tal. A Ponte de Ferro, tras xacer baixo as augas foi desguazada e desaparecida. Mais a súa lembranza nunca desapareceu da memoria da vila.

Ponte de Ferro de Monforte afundida / foto jrcasancom
Dous problemas e unha nova ponte
Foi precisamente por isto polo que o actual rexedor socialista de Monforte quixo recuperar a antiga ponte, nunha nova localización e baixo unha nova estética. Para isto convocou no pasado mes de xuño un concurso de ideas para construír unha nova ponte, no Paseo do Malecón, moi preto da ponte vella.
A nova ponte serviríaa para recuperar a lembranza e a imaxe da antiga Ponte de Ferro. Mais terá tamén outra función de excepcional importancia: servirá para liberar a Ponte Vella do tráfico e facela peonil. Trátase de devolvéndolle a monfortinos e visitantes este monumento da vila, así como a recuperación da imaxe sobre o río sen os problemas derivados do tráfico.

Ponte Vella de Moforte / foto Turismo de Galicia
Unha moderna ponte cunha imaxe de inspiración antiga
O pasado 1 de xuño dábase a coñecer o concurso. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, explicaba, nunha rolda de prensa os detalles do que sería un dos proxectos estrela do actual mandado: a construción dunha Ponte Nova do Malecón sobre o río Cabe, para a que ademais convocaba un concurso de proxectos.
“É o meu desexo” continuou o Alcalde “que os veciños e veciñas de Monforte recuperemos parte da nosa historia cunha nova ponte localizada no Malecón, semellante á antiga Ponte de Ferro que estaba situada no lugar que ocupa a actual ponte nova na Avenida de Galicia, unha ponte que caeu nos anos 50 do século XX”.

Ponte Nova do Malecón de Monforte / foto Concello de Monforte
E é que a condición indispensable que deberan cumprir todos os deseños é a inspiración e semellanza na antiga Ponte de Ferro de principios de século XX. Trataríase dunha nova ponte metálica, de características similares á que existiu no seu momento, mais adaptada ás necesidades viarias actuais, con 2 carrís de 3,5 metros e as beirarrúas de 2,5 m.
Finalmente, e tras a exposición dos proxectos presentados, na casa do Concello, o pasado día 2 presentábase o proxecto gañador. Trátase dun proxecto da empresa luguesa Monsa Urbanismo S.L., que ademais presentar unha obra contemporánea e apostar por unha estética inspirada na antiga, presenta un amplo paso para os peóns protexido da chuvia.
- Alcalde de Monforte na exposición pública do concurso / foto Concello de Monforte
- Alcalde de Monforte na exposición pública do concurso / foto Concello de Monforte