Ames reforza a Ponte Cabirta para evitar que se veña abaixo antes da súa rehabilitación
O pasado 17 de xullo a Deputación da Coruña e máis o Concello de Ames daban o anuncio, a singular Ponte Cabirta, sobre o río Sar, na parroquia de Bugallido, sería rehabilitada. O proxecto permitiría protexer e consolidar a calzada e o arco desta ponte, contemplando a rehabilitación do paso peonil, a fábrica e a reparación do lousado das ribeiras. A obra contaría un orzamento de 36.000.
Mais á agarda do inicio das obras, e ante o perigo que poden supor as crecidas do Sar no inverno para a ponte, o Concello de Ames decidiu desenvolver unha actuación puntual de reforzo e protección do arco. Trátase dunha intervención provisional mentres se licita o proxecto, coa finalidade de protexela de posibles impactos de árbores e, en último termo, de evitar danos na súa estrutura.
- Apeos e bolardos en Ponte Cabirta / foto Concello de Ames
- Apeos na Ponte Cabirta / foto Concello de Ames
- Bolardos en Ponte Cabirta / foto Concello de Ames
- Detalle da intervención en Ponte Cabirta / foto Concello de Ames
- Apeos e bolardos en Ponte Cabirta / foto Concello de Ames
- Ponte Cabirta no concello de Ames / foto Concello de Ames
Para isto colocáronse dous bolardos para parar a ramaxe en suspensión en posibles crecidas e minimizar o risco de impacto directo no arco das polas arrastrados polo río. Tamén se reforzou a base do arco para soportar as doelas. A intervención foi dirixida por Manuel Durán, enxeñeiro redactor do proxecto de rehabilitación do conxunto.
Unha ponte de especial singularidade

Ponte Cabirta coa súa plementería / foto Patrimon
A ponte, situada sobre o río Sar, moi preto do castro de Quistilláns e ó pé dunha calzada posiblemente medieval, ten a singularidade de estar configurada por un arco de cuarto de punto, ou con media luz, estribando a chan e lateral. Isto é unha gran singularidade dentro das pontes que conservamos en Galicia, pois ten a particularidade de que cruzar o río sobre unha fervenza, e ó facelo sobre dúas rochas de distinta altura.
É ademais unha ponte depositaria de varias lendas. Unha delas conta que estaba encantada, e que dela saía ó amencer unha galiña con pitos de ouro, e o que habería un gran tesouro para quen soubese desencantala. A ponte foi azoutada ó longo da súa historia polas crecidas e no ano 1987 perderíase a súa plementería ou recheo.
Agárdase que o proxecto definitivo de rehabilitación sexa licitado nos vindeiros meses, co fin de poder desenvolver a obra no verán de 2021, cando o caudal do río Sar o permita.