A fábrica Massó de Cangas entra na Listaxe Vermella do Patrimonio
A antiga fábrica conserveira Massó, na vila de Cangas acaba de entrar na Listaxe Vermella do Patrimonio. Faino polo seu “total abandono” e “un estado de conservación moi malo”. Recoñécese que a vella factoría, unha verdadeira xoia arquitectónica e unha dos conxuntos máis excepcionais do patrimonio industrial de Galicia, atópase nun serio perigo de desaparición.
E é que Hispania Nostra, a asociación española dependente da Unesco acaba de incluír a histórica factoría na súa famosa listaxe na que se inclúen todos aqueles elementos do patrimonio en perigo de inminente perda. Así, a que chegou a ser denominada a maior conserveira de Europa, e que chegou a ter máis de 2.000 traballadores podería desaparecer nos vindeiros anos se ninguén pon remedio.
Unha xoia da arquitectura industrial do século XX
Segundo a institución “a fábrica de Conservas da empresa ‘Hermanos Massó’ en Cangas é un dos exemplos máis notables de arquitectura industrial do século XX en Galicia”. É unha construción “interesante no só polos seus valores estéticos, senón tamén históricos, ó estar estreitamente relacionada á Historia da vila de Cangas e ó desenvolvemento industrial das Rías Baixas”.

Fábrica Massó de Cangas / foto Turismo das Rías Baixas hoxe
A fábrica Massó foi comezada en 1937 e inaugurada en 1941. Foi proxectada polo enxeñeiro Tomás Bolibar e polo arquitecto Jacobo Esténs Romero. A fábrica amosaba grandes innovacións técnicas como o uso do formigón armado e o aceiro reblonado, mais tamén destacaba polos interesantes formulacións estéticas herdeiras do modernismo e do racionalismo.
Abandonada dende 1994
A histórica fábrica formaría parte dun complexo industrial que incluía, ademais da fábrica de conservas, unha planta de procesamento de baleas e instalacións para o procesamento de derivados da pesca (fariñas e aceites), envases, instalacións de reparación de buques, talleres de reparación mecánica, planta de frigorífico, salas e vivendas para o persoal, así como un viveiro.

Fábrica Massó de Cangas / foto Turismo das Rías Baixas hoxe
Formaría parte dunha das maiores empresas históricas das industrias de Galicia, que incluíu varias conserveiras e as últimas factorías baleeiras de Europa, dirixidas dende comezos do século XIX pola histórica familia Massó. Porén coas diferentes crises das dúas últimas décadas do século XX, a pesar dos esforzos dos traballadores por recuperala, no ano 1994 a factoría fechou.
Salvada polos veciños e en abandono
Tras o seu peche pretendeuse derrubala para converter os terreos nun espazo residencial. O proxecto, dunha promotora privada e asinado por Norman Foster, nunca chegou a levarse adiante grazas a unha contundente contestación social. Ficou dende aquela abandonada e en mans de Abanca.
A fábrica atópase incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural Galego, aparece protexida dentro do PXOM e está incluída no Plan Nacional de Patrimonio Industrial. Tamén foi solicitada a súa declaración como Ben de Interese Cultural, aínda á agarda de resposta pola Xunta. Porén a fábrica atópase en pleno abandono.

Fábrica MAssó de Cangas / foto Eloy gf CCBy Wikimedia