fbpx
Cabón / foto ChristopherPluta CC0

Morre un dos derradeiros carboeiros das montañas galegas

Tempo de lectura: 2 min.

Houbo un tempo en que para facer arder as forxas da Fonsagrada, do Courel, de Meira ou de Valdeorras, precisábase o duro traballo dun artesán: o carboeiro.  Tratábase dun oficio tradicional que transformaba as raíces de xestas, torgos e torgueiras no carbón co que se quentaban as cociñas ou as forxas.

Era un oficio moi duro, no que se pasaba moito frío e moita calor, e moito esforzo para arrincar as raíces dos torgos. Despois transportalo de parroquia en parroquia e de feira en feira para abastecer ós ferreiros. Para facer o carbón abríase un gran furado duns dous metros no chan chamado faia, e nel se queimaban as raíces. Despois se tapaban con terra para que se apagasen elas mesmas.

José Álvarez o Paradelo de Regosmil

Mais este duro oficio está a desaparecer xa por completo en Galicia. Se ben nos últimos anos aínda quedaban de xeito testemuñal algúns carboeiros, en comarcas galegas como Samos, na Fonsagrada, en Becerreá, agora, coa morte de José Álvarez, o oficio desaparece practicamente por completo e para sempre en Galicia.

O carbón empregado polos ferreiros / foto areldole CC0

José Álvarez Gómez era o último carboeiro de Meira e Fonsagrada e un dos últimos representantes deste oficio. Mais coñecido polo alcume da súa casa Paradelo de Regosmil, foi famoso na comarca tanto pola súa profesión como por dar servizo nunha máquina de malla.

Tamén e sobre todo pola súa participación na Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto. E polo traballo de divulgación que sempre se prestaba a facer, en feiras, máis tamén atendendo ós medios, como se recolle en algunhas entrevistas. Álvarez  aprendera o oficio ós 15 anos xunto o seu pai. Oficio que agora queda abandonado para sempre. Pois finou a semana pasada, con menos de 70 anos, en Fontarón, Becerreá, tal e como recollía o xornal El Progreso.

A leña para o carbón debía de ser de turgueiras / foto hansbenn CC0

Pode que che interese...