Un proxecto de Galicia e Portugal candidato ó Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda da UNESCO
Un proxecto educativo desenvolvido entre Galicia e o Norte de Portugal será candidato a entrar no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda da UNESCO. Trátase do proxecto Ponte…nas ondas! desenvolvido de forma conxunta entre Portugal e Galicia, que no vindeiro ano 2021 presentarase a candidatura para ser recoñecido pola institución.
Ponte…nas ondas! é un proxecto no que a comunidade galega e as rexións lusas de Minho, Trásos-Montes e Douro que está dirixido a poboación escolar e que está impulsado por unha asociación de profesores. O obxectivo é promover a integración do patrimonio cultural, dos coñecementos tradicionais e dos rituais festivos no ámbito escolar.
A inclusión da candidatura para o vindeiro ano 2021 foi confirmada pola Directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, logo de participar o pasado día 20 na 87ª reunión do Consello de Patrimonio Histórico español, na que tamén se avaliaba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.

Cartaz dos 25 anos da iniciativa / foto pontenasondas.org
Ponte…nas ondas! un proxecto para coñecer e recoñecer o patrimonio galego e portugués
Unha experiencia educativa de comunicación na que participan centros educativos de primaria, secundaria e de universidades de Galicia e do Norte de Portugal na que se trata de dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial no norte e sur do río Miño.
A iniciativa naceu da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! no ano 1995 e dende aquela desenvolven un intenso traballo de investigación e divulgación do patrimonio da Eurorrexión. O colectivo iniciou tamén no ano 2002 unha campaña de investigación de tradicións orais galego-portuguesas e presentou no ano 2004 ante a UNESCO a Candidatura a Patrimonio Mundial das Tradicións Orais Galego-Portuguesas.
A experiencia integra a educación, o patrimonio cultural galego-portugués, as TICs e os medios de comunicación, especialmente a radio. Inicialmente a actividade principal foi unha xornada de programación radiofónica elaborada polo propio alumnado en directo e con formatos variados (concursos, música, entrevistas etc), mais co tempo fóronse engadindo novos proxectos de colaboración cultural.

Vendedoras da praza de abastos de Santiago de Compostela na década de 1950 / fotografía de Claudia Vigo primeiro premio de Secundaria do III Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”