fbpx
Plagas de Exipto na biblia de Toggenburg, entre elas, a peste negra / Wikipedia

Así está a ser a nova rehabilitación do edificio co que Santiago tratou de defenderse da peste

Tempo de lectura: 3 min.

Un dos hospitais históricos máis singulares de Galicia. No máis alto da cidade e extramuros dela, consérvase en Santiago o hospital de San Roque. Trátase dun edificio dedicado ó santo protector das epidemias, que tal e como contamos noutro artigo, tivo un papel especial na nosa historia. O hospital de San Roque foi inaugurado en 1578 logo da terrible epidemia de Peste Negra que asolaron a cidade no século XVI.

O hospital de San Roque foi recuperado durante a década de 1990 para servir de sede administrativa para diferentes institucións dependentes da Xunta de Galicia. O histórico edificio, que en tempos serviu para protexer a cidade, acolle a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Centro Ramón Piñeiro e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, traballando nel preto de 70 persoas.

Agora atópase nun novo proceso de rehabilitación, co obxectivo de eliminar as filtracións e as humidades froito de anos dun incorrecto mantemento. Os traballos, impulsados polo goberno galego, contan cun investimento de preto de 200.000 euros e un prazo de nove meses. Comezados no mes de setembro agárdase que estean finalizados este verán.

Hospital de San Roque en Santiago de Compostela / foto amaianosCCBy Wikimedia

Problemas coa humidade e as filtracións

O principal obxectivo destas actuacións promovidas pola Consellería de Cultura é acabar cos problemas de humidade que afectan ao inmoble. Para iso, resolveranse as deficiencias nos elementos de evacuación das augas pluviais que, debido a falla de mantemento, están afectados pola presenza de vexetación. Ademais, nas fachadas este e norte, instalaranse novos elementos como canais e baixantes de cobre.

As obras complétanse coa reparación das filtracións absorbidas por capilaridade, un problema que actualmente está ocasionando manchas de humidade no interior do inmoble e que está chegando a deteriorar os revestimentos da parte inferior da fachada. As actuacións en marcha tamén inclúen a substitución dos elementos metálicos, como reixas, varandas ou ferraxes, que debido á oxidación estean provocando manchas no granito e no revestimento do edificio.

San Roque foi o protector das enfermidades contaxiosas. Na fachada dunha igrexa italiana / foto AngelesesCC0

Por último, procederase á limpeza na carpintería, os revocos das fachadas, nos parámetros verticais e nos pavimentos de pedra co obxectivo de substituír os elementos que estean en mal estado e de eliminar a vexetación e as manchas de sucidade e humidade.

Unha das xoias hospitalarias de Galicia

Inaugurado en 1578, como dicimos, logo das terribles epidemias de peste negra que asolaron a cidade no século XVI, de entre os edificios históricos con función hospitalaria que conservamos en Galicia é, sen dúbida, un dos máis monumentais e nos dá idea de como puido ser esta tipoloxía. O monumental edificio foi levantado en estilo renacentista por Gaspar de Arce, mestre de obras da catedral, aínda que despois se lle engadiran partes no século XVIII. Destaca polo seu claustro clasicista e a súa igrexa con retablos de Simón Rodríguez.

Pode que che interese...