fbpx
Transatlántico Santa María / frame do documental

Cando varios exiliados secuestraron un transatlántico para denunciar os abusos de Salazar e de Franco

Tempo de lectura: 3 min.

A comezos de xaneiro de 1961 saía do porto de Vigo o transatlántico portugués ‘Santa María’ con máis de 650 pasaxeiros a bordo con destino América. Mais un feito cambiaría a súa singradura. Pois o 22 de xaneiro de 1961, no seu retorno a Lisboa, sería secuestrado por varios exiliados dos réximes de Franco e Salazar.

Á fronte desta acción estaba o portugués Henrique Galvão e os galegos Xosé Velo Mosquera e José Fernández Vázquez, alcumado Jorge de Soutomaior. O obxectivo era, denunciar os abusos dos dous réximes fascistas en España e Portugal e chamar a atención sobre o problema na prensa mundial. Na acción renomearon o barco como o ‘Santa Liberdade’.

 

O secuestro do ‘Santa Liberdade’

Henrique Galvão, Xosé Velo e Jorge de Soutomaior, xunto a outros 21 homes do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) subiron a bordo do barco, nas súas escalas do  barco en Venezuela, os días 20 e 21 de xaneiro. Na madrugada do día 22 entraron na ponte de mando tomando o control do barco e da súa tripulación pola forza, ante a resistencia da tripulación.

O seu obxectivo, alén do acto de reivindicación, sería tomar rumbo a África e estimular a revolta das colonias de Portugal. Tras a acción ordenábase cortar as comunicacións por radio, o racionamento de provisións e rebautizar o buque, pintándose tamén as siglas do DRIL na ponte de mando. Tamén se informou ós pasaxeiros de que o buque cambiara de mans pedindo calma e tranquilidade.

Transatlántico Santa María / frame do documental

Un incidente que implicou as armadas británica e americana

Mais o enfrontamento saldouse cun morto e varios feridos entre a tripulación. Foi por este motivo polo que o barco fixo escala no porto de Castries. Por motivos humanitarios os secuestradores decidiron enviar ós feridos xunto con outros mariñeiros á terra. A partir deste desembarco o buque foi seguido por un destrutor británico.

Implicáronse, así no conflito as armadas británicas e norteamericana e o 27 de xaneiro, Galvão, Velo e Soutomaior aceptan a protección de naves de guerra estadounidenses contra ataques de la flota portuguesa. Tras diversas sabotaxes da tripulación e a falta de víveres para levar o barco ata África, decídese liberar os pasaxeiros en Brasil.

Foi tamén pola afinidade co novo goberno recén elixido neste país, favorable á causa dos exiliados. O 2 de febreiro de 1961 o Santa Liberdade, escoltado por naves da Mariña de guerra brasileira, entraba no porto de Recife e o 3 de febreiro os exiliados deciden renderse e acollerse o asilo político ofrecido por este país.

 

Un documental sobre Xosé Velo

Sesenta anos despois deste feito, a Deputación de Pontevedra publica na súa canle de YouTube varias pezas documentais sobre este histórico secuestro. Trátase da pequena peza documental titulada “Xosé Velo Mosquera no 60 aniversario da toma do Santa María”, así o documental “Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra”.

Na peza recóllese a acción e o discurso de Velo con imaxes de arquivo destes feitos de hai 60 anos. Ó non ter rexistro sonoro ás palabras de Velo son narradas por Aser Álvarez González, tamén produtor do audiovisual editado por Arraianos Producións. A peza foi presentada o pasado venres 22 de xaneiro na sede da Deputación Provincial.

E é que esta peza forma parte dun proxecto máis amplo, que se plasma no documental “Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra”. Pois a institución atópase traballando dende fai tempo na dixitalización de parte do arquivo persoal de Xosé Velo, que foi adquirido pola a finais de 2019 e que está a disposición de todo o público e investigadores no portal ATOPO. O vindeiro día 31 de xaneiro de 2022 se conmemorarán os 50 anos do pasamento de Xosé Velo.

Pode que che interese...