fbpx
Arte rupestre da Cova de Eirós / foto Museode Lugo

Eirós, a cova que está a rachar co que o mundo sabe da xeografía e cronoloxía do Paleolítico

Tempo de lectura: 4 min.

A Cova de Eirós en Triacastela está a cobrar unha importancia moito máis grande do que se estaba a agardar. Pois este xacemento, ameazado de preto unha canteira, está a rachar por completo co que tanto xeograficamente como cronoloxicamente se coñecía ata o de agora do Paleolítico, e non en Galicia senón tamén a nivel global.

E é que nesta cova, na que no ano 2011 se atoparon as primeiras mostras de arte parietal galego e que o goberno galego está a escavar dende vai case unha década, está a dar unha nova perspectiva ó mundo científico para re-entender a máis longa etapa da prehistoria. En Eirós poden estar as claves para a reformulación da concepción que nas últimas décadas se está a facer deste período.

Un Paleolítico tras o fin do Paleolítico

Dende o punto de vista cronolóxico, como xa contamos noutras ocasións, Eirós está a atrrasar en case 3.000 anos a presenza da arte de culturas de cazadores-recoletores. Pois se ata o de agora vinculábase a desaparición da arte paleolítica co fin do Magdaleniense, ó redor de fai 12.500-12.000 anos, as datacións de Eirós atrasan este feito ata 9.500-9.000 anos antes do presente.

Arte rupestre da Cova de Eirós / foto Museo de Lugo

Pois ata o de agora se relaciona o final da arte deste período coas últimas transformacións climáticas dese momento fai 12.000 anos, e que nos levaron ó clima actual. Sempre se pensou que aquel cambio climático tería xerado tamén unha serie de transformacións sociais e nos xeitos de vida, e que e esas transformacións terían producido a desaparición da arte rupestre paleolítica. Pero a Cova de Eirós pon de relevo, de feito, que isto non aconteceu.

Borrar a idea do núcleo franco-cantábrico?

Mais tamén dende o punto de vista xeográfico Eirós pon en dúbida o concepto tradicional da arte rupestre ibérica e mesmo mundial. Pois os gravados e debuxos que agochaba a cova amplían o territorio da arte rupestre paleolítica no norte de Iberia alén do núcleo tradicional franco-cantábrico.

Así o concepto tradicional de unidade cultural da arte ‘franco-cántabra’ podería ser descartado. E é que a excepcional colección de arte conservada revélase como o punto máis occidental da arte paleolítica europea. Mesmo pode que non sexa o único en Galicia e que vaian aparecendo outros xacementos descoñecidos pola falta de investigación.

Esquema da Cova de Eirós segundo Xosé Pedro Rodríguez e RAmón Fábregas Valcarce

Así Eirós pode considerarse como un deses enclaves que rachan coa consideración xeográfica xeral da arte paleolítica, que tradicionalmente iría dende Asturias ata Francia. A cova de Galicia sumaríase a outros achados tanto no ámbito peninsular como en lugares tan afastados como Rusia ou Acerbaixán. Eirós sería a máis occidental de todas elas.

Unha arte moito máis xeométrica

Mais non son os únicos fenómenos dos que nos fala Eirós. Senón que dentro da súa especial cronoloxía e da súa singular localización, para os científicos, Eirós pode entenderse tamén como unha clave para entender o seu singular tempo. Pois a diferenza do naturalismo clásico de covas como a de Altamira, as representacións de Eirós teñen un carácter diferente.

As figuras de Eirós son máis sinxelas, con corpos moi xeométricos, sen detalles anatómicos interiores ou con certas deformacións. É un caso semellante á cova de Guareña, en Burgos, cunha cronoloxía de entre uns 10.500 e 11.000 anos. Poderían entenderse como unha pista para reinterpretar a arte do final do Paleolítico.

Traballos na Cova de Eirós / foto Asociación Cultural do Iribio

Novas publicacións

E é que as claves para entender todos estes procesos que está a desvelar Eirós está no traballo científico dos últimos anos. Estes últimos traballos están coordinados polos profesores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera Hermida do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago que conta tamén coa colaboración do Institut Català de Paleoecoloxía Humana i Evolució Social da Universitat Rovira i Virgili.

Os achados que se foron revelando das diferentes campañas na Cova ó longo da última década están a apuntar cara todas estas importantes conclusións, que están a cambiar de feito o xeito de entender a prehistoria. As últimas conclusións foron publicadas na revista científica Journal of Archaeological Science: Reports, na que se recollen os principais achados artísticos realizados desde 2011 neste xacemento. Moitas destas claves foron tamén reveladas en diferentes entrevistas, a máis recente a de Marcos García Díez no xornal Galicia Confidencial.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: