Un informe demoledor do ICOMOS pon en dúbida o proxecto Trazas de Pontevedra
O pasado mes de abril a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ós alcaldes de Silleda, Vilagarcía e Marín, presentaban, en cada un deses tres concellos, tres intervencións en tres castros. Eran os de Alobre en Silleda, Toiriz en Vilagarcía e Subidá en Marín.
Tratábase do proxecto ‘Trazas de Pontevedra’, un proxecto promovido conxuntamente polo Ministerio de Fomento e a Deputación, para a posta en valor dos tres xacementos galaicos. O proxecto contou cun orzamento de 600.651,78 euros, para traballos de información, percorridos e acondicionamento paisaxístico. As obras estiveron desenvolvidas pola empresa Patrimonio Inteligente e contaban co deseño de AGi Architects.
Un proxecto con duras críticas
Mais, moitas foron as voces que se alzaron contra a intervención. Varios colectivos en defensa do territorio e do patrimonio deron a voz de alarma polo impacto das obras nos xacementos ó non axeitarse ós estándares propios dunha intervención nun espazo arqueolóxico. Porén as obras tiñan o visto e prace da Dirección Xeal de Patrimonio.
De feito, varios colectivos chegaron mesmo a dirixirse á Delegación Permanente de España ante a UNESCO para instar a esta organización internacional a intervir fronte ás obras. Tamén se presentou unha petición en Change.org que acadou preto de 2.000 sinaturas. As intervencións contaron ademais cunha enorme contestación por parte de profesionais e técnicos da arqueoloxía a través de comunicados e manifestacións en redes sociais.
Unha pregunta ante o ICOMOS para defender os castros
Así, algunhas destas asociacións uníronse para reclamar o pronunciamento de institucións nacionais e internacionais. Entre elas estiveron a asociación UMIA VIVO, asociación Irmandade Illa de Tambo, colectivo pola defensa do territorio ANOVATERRA e colectivo pola defensa do patrimonio A FORNEIRIÑA.
Todas elas presentaron preguntas conxuntas dirixidas a diferentes organismos. Estes foron o Consello da Cultura Galega, o Ministerio de Cultura, Ministerio de Transportes, antigo Fomento, ó Delegado Permanente de España ante a UNESCO, ó Consejo del Patrimonio Histórico, ós Concellos de Marín, Silleda e Vilagarcía e ó Consejo Internacional de Monumentos y Sitios (ICOMOS).
Tal e como declaraban nos pasados días nunha nota de prensa, só contestaron o Ministerio, o Delegado Permanente da UNESCO, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Vilagarcía. Dende o Ministerio, promotores da obra, xustificaron os proxectos baseándose en que seguiron un escrupuloso respecto a normativa vixente. O Consello da Cultura Galega prometeu elaborar un informe; dende o Delegado da UNESCO afirmaban carecer de competencias, e o Concello de Vilagarcía facilitou algunha información sobre o proxecto.
A única resposta concreta, a do ICOMOS
Tan só o ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios, órgano consultivo da UNESCO) deu unha resposta feaciente ás demandas das asociacións. Pois a un escrito, que contou coa adhesión do anterior Presidente da Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA), responderon cun extenso informe no que se fai unha valoración do procedemento e dos proxectos con una serie de recomendacións.
“No escrito dirixido a ICOMOS , solicitamos con data de 1 de decembro de 2020 que interceda ante os promotores do proxecto, requirindo a reconsideración dos proxectos por entender que o deseño e a súa execución supón un impacto que contradí o establecido na normativa autonómica, estatal e nos tratados e declaracións internacionais”, afirma Xesús Rodríguez, presidente de UMIA VIVO.
“O informe de ICOMOS de xeito motivado cuestiona todos e cada un dos aspectos procedimentais, de deseño, metodolóxicos e de execución dos proxectos o que deixa en evidencia a falta de rigor de todos e cada un das responsables das institucións que deseñaron tramitaron, aprobaron e executan os proxectos”, afirmaba Rodríguez.
Un informe demoledor para o proxecto
“O Comité Nacional Español do Consejo Internacinal de Monumentos e Sitios (ICOMOS), remitiunos un extenso informe facendo unha valoración do procedemento e dos proxectos cunha serie de recomendacións das que citamos algunhas:
- Cuestiona o carácter uniforme para os distintos xacementos e espazos sen diferenciación de elementos para os espazos arqueolóxicos escavados, os ocultos ou as contornas dos sitios
Critica que o proxecto carece dunha análise específica que apoie a conveniencia das accións enumeradas nas devanditos listaxes, nin da oportunidade e conveniencia das propostas arqueolóxicas.
Evidencia que tampouco existe unha valoración crítica dos resultados das instalacións e equipamentos xa existentes en cada castro e a necesidade de substitución. Todo se sustenta nunha mera unificación de imaxe e accións cuxas vantaxes tampouco se avalían
Incide en que non se concretan as tarefas de mantemento que será necesario acometer con posterioridade ás obras nin o seu custo, polo que se intúe unha difícil planificación
Resalta que se someten os xacementos a unha forte carga de remoción sen avaliar os riscos que leva, e non esquezamos que se trata de elementos culturais non restituíbles.
Reitera que o documento non especifica a necesaria translación dos deseños e propostas premiadas á singularidade de cada xacemento arqueolóxico, ás súas estruturas, e á contorna.
- Chama a atención sobre as actuacións no castro de Toiriz sen escavación previa.
Incide na falta de xustificación do informe da Deputación sobre os condicionantes impostos pola Dirección Xeral de Patrimonio.
Resalta que non se garante a reversibilidade das intervencións e sinala que non se realizaron sondaxes valorativas previas o inicio dos propios movementos de terras
Pon de manifesto que non se axustou o proxecto ós requirimentos da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, con carácter previo a licitación das obras.
Reclama que se fagan públicos os procesos seguidos na execución das obras e a memoria final dos traballos arqueolóxicos e ter accesos á súa consulta por parte dos cidadáns e especificamente polos interesados no expediente.
Asegura que as capas superficiais tamén forman parte do xacemento arqueolóxico, aínda que non afectarían ás estruturas arqueolóxicas, porque explican os procesos deposicionales e protexen as propias estruturas, polo que conteñen diversa e variada información que debe ser rexistrada.
Cuestiona a “metodoloxía dificilmente lexitimada en calquera proxecto científico e remiten a accións de salvagarda propias de achados casuais impropias de proxectos planificados de intervención no patrimonio cultural”.
Critica que os elementos construtivos deseñados non faciliten a lectura dos restos arqueolóxicos que se pretenden valorizar por trátase de actuacións constituídas por elementos, equipamento e infraestruturas urbanas instaladas sobre os xacementos arqueolóxicos, entre os restos e na contorna aos mesmos, sen que se entenda como a súa configuración e disposición pode axudar a comprender a articulación territorial da provincia e de Galicia nin configurar un nicho de turismo cultural de calidade.
Afirma con rotundidade o pouco afortunado que resulta este deseño para a súa implantación en sitios arqueolóxicos porque existen solucións e exemplos contrastados de instalacións similares que utilizan bases de formigón que se apoian sobre o terreo e permiten a súa permanente translación, substitución ou eliminación sen que supoñan perigo para os visitantes nin afección ou os restos arqueolóxicos.
Cuestiona o exceso de elementos previstos no proxecto cando existen alternativas mais liviáns e baratas”.
“Desvían fondos públicos para proxectos de cuestionable eficiencia”
Así, as denuncias cidadáns e o informe de ICOMOS “poñen en evidencia que todos aqueles cargos electos, institucións e órganos con competencias en materia de Patrimonio Cultural incumpren a legalidade vixente, fan deixación de funcións e poñen en situación de risco o patrimonio cultural, mentres desvían fondos públicos para proxectos de cuestionable eficacia e prioridade”, afirma en conclusión Xesús Rodríguez.
É por isto que “non queda outra que recoñecer que en pleno século XXI asistimos a unha destrución intencional do patrimonio cultural a que fai referencia a ‘Declaración da UNESCO relativa á destrucción intencional del patrimonio cultural’ de 17 de outubro de 2003”, lembraba tamén.
“Dende as asociacións e colectivos reiteramos, una vez máis, a necesidade dun plan de emerxencia e xestión do patrimonio arqueolóxico que garanta a identificación, sinalización e limpeza para evitar danos”, afirmaba. “O informe que facemos público con esta nota ós medios, foi enviado polo ICOMOS á Directora Xeral de Patrimonio Cultural co que temos entrevista solicitada e que esta demorando alegando problemas de axenda”.