O eólicos ameazan agora tamén as Fragas do Eume
O parque eólico Pena do Corvo. Este é o nome do parque que Iberdrola Renovables está a proxectar ás portas mesmas das Fragas do Eume. Trátase dun parque con muíños de 180 metros de alto que se atopa ó pé mesmo das Fragas e unha liña de alta tensión de case 50 km até o Mesón do Vento.
Porén o principal problema da instalación industrial non é situarse ó pé das fragas nas que se atopa o histórico mosteiro de Caaveiro, senón que a principal ameaza deste parque está en situarse literalmente sobre a área de ampliación da Rede Natura 2000, que o goberno da Xunta ten conxelada dende o ano 2011.

Parque eólico da Pena do Corvo / foto Asociación Ecoloxista Adega
Tal e como denunciaba a asociación ecoloxista Adega, o parque estará composto por 13 muíños de 180 m de alto. Un parque con muíños de enormes dimensións que obrigará a grandes desmontes na apertura de quilómetros de pistas. Segundo a asociación ecoloxista “a afectación destas instalacións ó parque das Fragas será brutal”.
“O proxecto non só vai afogar aínda máis o xa maltreito Parque Natural das Fragas do Eume (masacrado por eucaliptos, incendios, encoros, minaría…), senón que tamén vai coartar as posibilidades de ampliación da Rede Natura e impedir a conexión con outros espazos mediante corredores ecolóxicos”, afirman dende a asociación.

Parque eólico da Pena do Corvo / foto Asociación Ecoloxista Adega
Para saber máis: Pode consultarse a nova publicada por Adega o pasado día 7.