fbpx
Lume nos Penedos de Traba / foto Concello de Laxe

Arde a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba en medio da loita contra os eólicos

Tempo de lectura: 2 min.

Ó redor das tres da tarde do domingo dábase a voz de alarma, un lume forestal estaba a queimar a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba. O lume declarábase tan só un día despois de que unha gran marcha percorrera os Penedos esixindo á Xunta a retirada dun proxecto eólico con ata 16 grandes aeroxeradores.

Para sofocar as lapas desprazáronse dous hidroavións e medios terrestres, que atoparon importantes atrancos para chegar ó lugar, polas complexidades do terreo. Sobre as 18.35 deuse por controlado e a sobre as 20 horas deuse por extinto. Por fortuna o lume deixou en cinzas tan só ó redor de media hectárea, a pesar do forte vento. A nova era publicada nas redes socias do Concello de Laxe.

Lume nos Penedos de Traba / foto Concello de Laxe

 

“O Concello de Laxe quere agradecer ós bombeiros e a todo o persoal que estivo nas labores de extinción deste incendio o seu extraordinario traballo en controlar o lume con rapidez”, afirmaban dende o Concello. “A profesionalidade deste traballadores conseguiu por de novo esta paraxe natural a salvo do lume”, agradecían dende o Concello, recoñecendo que de non ser pola rápida actuación o lume podería ter sido catastrófico.

Un lume no medio da loita por salvar os Penedos

Un día despois da gran marcha que reivindicou a defensa dos Penedos. Este foi o feito que máis chamou a atención dos veciños dos concellos de Laxe e Vimianzo. E é que o pasado sábado unha gran marcha percorreu os penedos esixindo a retirada dos proxectos eólicos no lugar, situados directamente sobre a Paisaxe Protexida.

Penedos de Traba / foto turismo.gal

A marcha foi convocada co gallo do 15 aniversario daquela primeira manifestación contra a canteira do ano 2006 que acabou coa protección desta paisaxe. Unhas 200 persoas convocadas pola Plataforma Salvemos os Penedos asistiron a unha marcha que tivo como lema “Eólicas así NON”. Xa no alto, ó pé dun penedo cortado polas máquinas no ano 2006, houbo música, un relatorio e a lectura dun manifesto.

A marcha reivindicativa foi convocada contra o proxecto de implantación de dous parques eólicos. Trátase dos proxectos do Monte Chan e Pena dos Mouros, que planean a instalación de 16 aeroxeradores de ata 127 metros de altura dentro da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, tal e como vimos informando.

Pode que che interese...