Como cambia a Idade Media das Terras de Ferrol e Trasancos a nova datación de Naraío? | Historia de Galicia
Castelo de Naraío / foto Turismo de Galicia

Como cambia a Idade Media das Terras de Ferrol e Trasancos a nova datación de Naraío?

Tempo de lectura: 3 min.

A pasada semana contabamolo no noso medio. Un grupo de expertos descubría as orixes, ata o de agora descoñecidas, do castelo de Naraío, en San Sadurniño, a través do estudio do morteiro da súa pedra. O estudo empregara métodos de datación mediante Carbono-14 e mediante Luminiscencia Opticamente Estimulada para analizar restos orgánicos e inorgánicos recollidos na campaña arqueolóxica desenvolvida entre finais de 2019 e comezos de 2020.

No estudo puido descubrirse que boa parte do castelo correspondería cunha data de construción ó redor dos séculos XIV e XV, tal e como ata o de agora se pensaba, pero. A nova cronoloxía proposta non só cambia a data do castelo senón que muda de xeito completo a forma na que ata o de agora se entendeu a fortaleza e a Idade Media na zona.

Entre dous e tres séculos máis antigo do que se cría

Pois ata este momento considerábase que as orixes do castelo poderían estar nos séculos XIV e XV. A historiografía destes séculos, con abondosas fontes escritas, sobre todo o coñecido como “Pleito Tabera-Fonseca”, sementou a crenza colectiva de que a fortaleza pertencía a este momento. Aínda que algúns investigadores do tema xa apuntaban a unha data anterior.

Entre eles o arqueólogo Anxo Felpeto, responsable das investigacións iniciadas en 2007, xa apuntaba cara unha época anterior. Pois o edificio que hoxe se conserva era probablemente resultado dunhas obras iniciadas moito antes, e que despois foron ampliándose co paso do tempo, abrazando incluso o Gótico, como pode observarse no arco oxival do acceso principal. Para el a construción do castelo arrancara, probablemente, entre os séculos XIII e XIV constando despois doutras tres fases.

Unha de elas foi a ampliación entre os séculos XIV e XV, outra cualificada por Felpeto como “destrutiva” que coincidiría coa segunda revolución irmandiña ocorrida entre 1467 e 1469 e, por último, unha fase de reconstrución pouco despois de que as revoltas fosen reprimidas na que, segundo os testemuños recollidos nas actas do Pleito Tabera-Fonseca, terían participado como castigo os labregos e “hermandinos” que a botaran abaixo.

Mais o estudo mediante Luminiscencia retrasaría aínda máis esta datación, ata o século XII, levándonos a un tempo diferente. Tal e como comentaba Francisco Alonso, responsable do achado, “os propios paramentos fálannos de que é de feito como Felpeto xa apuntara. Vese claramente que hai un primeiro recinto máis pequeno, e outro máis grande que amplía as dependencias. O castelo foi algo dinámico que cambiou durante os séculos”.

Castelo de Naraío / foto Turismo de Galicia

Un importante centro de poder comarcal

A datación confirma, por tanto, que a fortaleza é entre dous e tres séculos máis antiga do que se cría. Alén dos estudos de Anxo Felpeto pensábase, ata o punto de que a cartelaría e as guías turísticas o sitúaban nese momento, que a súa construción estaría no s. XIV. É por isto que, segundo os investigadores,  cómpre cambiar o punto de vista desde o que se miran as súas orixes. “Metémonos no románico, un dos períodos máis dinámicos en Galicia e momento no que Galicia é un dos territorios máis dinámicos da Península Ibérica”, explica Alonso.

“Cambia por completo a concepción que debemos ter da fortaleza. Naraío é un castelo único e un pouco raro pola localización que ten. Sempre se encadrou nunha época baixomedieval, no contexto das loitas entre nobres e das loitas irmandiñas, pero estamos vendo que se construíu moito antes e debemos estudalo dentro da lóxica do século XII, investigar a que respondía este castelo”, afirmaba na presentación do achado.

Na mesma idea reafirmábase o historiador e arqueólogo Eloi Saavedra. Para el a datación confirmaría “o alcance da xerarquización que estas fortalezas impuxeron no territorio de Trasancos. Naraío é un  centro de poder comarcal de tamaño considerable para a época”. Para Francisco Alonso a finalidade última do conxunto podería ser a de  “controlar un val fértil e establecer poderes en contraposición a outros”, nun momento de grande fervenza política, económica e cultural en Galicia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: