Lugo restaurará a capela do barrio no que naceu San Froilán | Historia de Galicia
Capela do Carme de Lugo / foto HombreDHojalata CCBy Wikimedia

Lugo restaurará a capela do barrio no que naceu San Froilán

Tempo de lectura: 2 min.

Na capela do Carme de Lugo, o barrio no que tería nacido San Froilán, é imprescindible unha reparación urxente do seu tellado. Está en mal estado pon en perigo a riqueza patrimonial que a capela garda no seu interior, dos séculos XVIII e XIX.

É por isto que a alcaldesa Lara Méndez anunciaba durante unha visita o pasado mércores día 7, o arranxo total da cuberta, por un total de 70.000 euros, deixando a capela libre de perigo e de humidades para o futuro. A intervención consistirá no arranxo total da cuberta, así como o cambio da lousa e os canlóns, o illamento exterior e a eliminación das  humidades.

A intervención encádrase dentro do proxecto para recuperar o barrio que está a desenvolver o consistorio nos últimos meses. En palabras da alcaldesa a acción “enmarcase no histórico impulso que lle estamos a dar á posta en valor do barrio, no que estamos a desenvolver importantes accións a través do DUSI Muramiñae”.

Lara Méndez e ntonio de los Ojos no interior da apela do Carme / foto Concello de Lugo

Trátase “da súa recuperación como espazo de lecer para a cidadanía e como acceso sostible desde a trama urbana á contorna do río Miño”. Entre estas accións, destacou a mellora do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX ou a realización das catas arqueolóxicas ao lado da Porta Miñá, entre outras.

Intervención no patio traseiro e coidados da Cofraría

No anuncio das obras a alcaldesa estivo acompañada do presidente da Confraría da Virxe do Carme, Antonio de los Ojos. A rexedora agradeceu á Confraría, unha das máis antigas do municipio e unha das máis numerosas, o traballo que desenvolven no coidado da capela, que está construída xunto á Porta Miñá, a escasos metros da Muralla Romana e o Camiño Primitivo.

Sala de exposición de Porta Miñá no Carme / foto Adorian CCBy Wikimedia

Ademais da intervención do tellado e da eliminación das humidades, Méndez afirmou que o Concello ten tamén a intención de intervir na parte traseira da igrexa. Trátase duns terreos cedidos pola Diócese ó Concello e que “permitirán proxectar accións nos mesmos para mellorar a contorna e ofrecer novos espazos para uso dos e das lucenses”.

A rexedora falou tamén da posta en marcha polo goberno local en colaboración co Bispado de Lugo de accións para potenciar o Camiño Primitivo a través da fusión da arte sacra e contemporánea. Méndez reiterou a importancia desta igrexa, moi preto da catedral e da muralla e neste histórico itinerario. Agárdase que unha vez que pasen as restricións aumente de novo o número de peregrinos.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: