fbpx
Detalle do proxecto para a praza da Igrexa de Vigo Javier Couto Granja

Así será o vindeiro proxecto para recuperar o corazón mesmo do centro histórico de Vigo

Tempo de lectura: 2 min.

No centro histórico de Vigo, no seu propio corazón, fronte á Concatedral de Santa María. Este é o lugar no que se asentará un dos proxectos máis ambiciosos da cidade e un dos máis importantes para suturar o este centro histórico. Trátase da recuperación dos números 8-12 da praza. Catro edificios que a día de hoxe se atopan nunha alta degradación e ruína.

E é que o Concello de Vigo acaba de presentar a proposta gañadora do Concurso de Anteproxectos para a Reforma do ámbito da Praza da Igrexa (Casco Vello). O Xurado declarou como gañadora entre as 17 propostas participantes, a presentada baixo o lema “MUTANTE”, sendo o seu autor o arquitecto Javier Couto Granja.

Pola súa banda o 2º Premio recaeu no proxecto do Estudio MMASA e Luciano G. Alfaya “Efecto Mariposa”, mentres que o terceiro era para os arquitectos María Gloria Ochoa Fernández, Syra Abella Bule e Joaquín Mosquera Casares co proxecto “Piedra, Cristal, Madera” e “Follas Novas”. Todos eles dunha excepcional calidade volumétrica e espacial que axudarán, sen dúbida, a recuperar este espazo.

Detalle do proxecto para a praza da Igrexa de Vigo de Javier Couto Granja

“A proposta pretende integrarse no futuro da evolución urbana da praza sen ningunha intención de imitar o patrimonio do lugar, senón expresalo e poñelo en valor dun xeito sutil. Unha curiosa ollada ao desenvolvemento histórico dos elementos que se cruzan na composición deste espazo urbano, mostra elementos susceptibles de cambios e evolución, separándoos dos que permanecen inalterados co paso do tempo” exprésase no proxecto.

O proxecto que pretende mellorar o ámbito desta representativa praza da cidade conta cun orzamento base de licitación de 64.752,06 Euros. O premio está dotado con 15.000 € e a licitación da obra, proxecto e dirección. Así tal e como se afirma “pasado, presente e futuro son tres conceptos que desaparecen no imaxinario colectivo dos vigueses” e que o propio proxecto quere recuperar.


Para saber máis: Pode consultarse a resolución do concurso, tanto no seu expediente, como no fallo publicado no Concello de Vigo. Pode consultarse tamén por completo o propio proxecto gañador neste link.

 

 

Pode que che interese...