fbpx
Castro das Barreiras / foto HdG

As Barreiras, un castro con moita madeira na súa construción. Así o evidencia a última campaña

Tempo de lectura: 4 min.

O pasado venres 11 de xuño remataba unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras, no Concello de Vimianzo. Trátase da sexta campaña consecutiva no castro, que está a amosar unha superficie considerable e que continúa un traballo continuado no tempo por consistorios de dúas cores políticas distintas.

Trátase ademais dun dos castros máis enigmáticos de Galicia, con altas murallas, asentado en fondo de val e con cabanas dun tamaño excepcionalmente grande, comparable ó dalgunhas pallozas. As Barreiras é un xacemento arqueolóxico “moi potente” e que contén unha cantidade de información “única”, como afirma Tito Concheiro, arqueólogo xefe do equipo de Terra Arqueos.

Castro das Barreiras / foto HdG

Un conxunto xa perfectamente visitable

E é que As Barreiras “é como un volcán”, pois “cada seis meses entra en erupción, que é cando vimos aquí, e sempre nos proporciona unha cantidade de información que nos fai ser ambiciosos”, afirma o director da escavación, Tito Concheiro. Segundo el, nesta edición abríronse dous sectores que, ademais de proporcionar novas respostas sobre o xacemento, farán a visita aínda máis satisfactoria.

Así, tras a última campaña, queda á vista unha área visitable con seis cabanas e un pano de muralla de máis de trinta metros de lonxitude, con tres escalóns. Pois nesta campaña descubriuse un novo escalón na muralla, abrindo a porta a novas intervencións. Onde se ten posta agora a mira esperanzadora: o parapeto, onde seguramente se atope mellor conservada.

Castro das Barreiras / foto HdG

Na campaña escavouse tamén a sexta vivenda, que xa se albiscara na campaña precedente. É unha cabana de planta ovalada cun fogar central feito de arxela, un detalle moi emotivo porque “é o corazón da familia. É a cociña, onde se quentaban e onde se contaban os contos. É un pouco a lareira da cultura tradicional galega”, admite Concheiro.

Un castro con moita madeira e alpendres pegados á muralla

Outras das grandes sorpresas da campaña foi comezar a entender o por que dunha das singularidades do castro, o enorme espazo baleiro entre as cabanas e a muralla. Pois entre a sexta vivenda e as fortificacións o equipo atopou unha serie de estruturas negativas, é dicir, os ocos que restan son construcións feitas en madeira.

Trátase dun achado moi importante, porque, tal e como relataba o equipo, evidencia que  neste Castro había moita madeira. Construían unha serie de alpendres pegados á muralla. Entre a arquitectura de pedra e o paramento da muralla había estruturas de madeira, que darían conta da morfoloxía deste singular espazo.

Mais trátase de “estruturas que agora temos que imaxinar”, afirmábase. É fundamental visitar os castros con imaxinación, pois “o que sae é sempre unha mínima parte do que foi”, explicaba sobre o feito Concheiro.

Un castro nun cruce de camiños?

A nivel material, nesta campaña, atopáronse tamén moitos fragmentos que xa se descubriran no pasado nun vertedoiro cerámico. Trátase de fragmentos de moitos e diversos estilos. Mais aínda resta clasificalos e estudialos. Pero polo de agora, para o equipo, é un material interesantísimo e moi rico.

Trátase dun conxunto de materiais cunha porcentaxe de decorado grande, que deixaría entrever que As Barreiras estaba nun cruce de camiños. “Vimianzo hoxe en día é un cruce de camiños e xa o era na prehistoria”, admite Concheiro. Sinala tamén a influencia de varias zonas, como de Artabria ou das Rías Baixas.

Castro das Barreiras / foto HdG

Concheiro: “Vimianzo está recuperando a súa memoria”

Así na presentación dos traballos o pasado día 11, o equipo amosábase moi satisfeito co desenvolvemento dos traballos así como co compromiso co castro do consistorio local, que ano tras ano está a financiar os traballos. “O balance non pode ser máis positivo. Estamos moi contentos de como saíu” afirmaban dende Terra Arqueos.

“O Concello de Vimianzo acolleunos sempre moi ben e quero agradecerlle á alcaldesa, Mónica, e á concelleira de Cultura, Rosa, ter apostado por este xacemento arqueolóxico” afirmaba Concheiro. Destacaba tamén como se dinamizou coas visitas de centros educativos.

“O Concello de Vimianzo está recuperando a súa memoria” afirmaba Concheiro. “Estes son os primeiros vimianceses e vimiancesas, e temos que estar orgullosos do que fixeron, tanto como o que estamos a facer agora: lembralos e descubrilos”, reltaba.

Castro das Barreiras / foto HdG

Preparando a vindeira campaña do outono

Mais Concheiro non foi o único membro do equipo que destacou a importancia da intervención. Luis Francisco López, recalcaba que no traballo que hai por diante “ intentaremos precisar os límites cronolóxicos. Cando se funda, cando se abandona e máis que nada é o que intentaremos precisar un pouquiño máis, porque así entenderemos mellor este xacemento”.

Pola súa banda Mónica Rodríguez, a alcaldesa de Vimianzo, recalcaba que  “a imaxe cambiou moito, e é unha satisfacción. O noso compromiso é continuar, xa pensando na campaña de outono, que se fará (…), dándolle continuidade a este ‘cruce de camiños’”, afirmbaba, “que temos ganas de descubrir”.

O equipo técnico e político na última campaña no castro das Barreiras / foto Concello de Vimianzo

Dende a alcaldía agradecíase tamén “a Tito Concheiro e a todo o seu equipo por todo o seu inconmensurable traballo”. Pola súa banda a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, admitía que “en outono, cun contexto máis favorable sanitariamente falando, agardamos seguir amosándolle ó mundo esta xoia do noso patrimonio”.

Pode que che interese...