fbpx
Rúa Menorca de Lugo / foto Real Academia Galega

Unha rúa con todas as nosas Palabras do Ano?

Tempo de lectura: 2 min.

Dende o ano 2014 a Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven a elección colectiva da Palabra do Ano en galego, a través do Portal das Palabras. Trátase dunha iniciativa que goza en cada edición de maior popularidade e que no día de onte acaba de estrear un novo espazo para a súa difusión.

Pois o Concello de Lugo ven de inaugurar este novo escaparate da lingua. Fíxoo na rúa Menorca da cidade, onde instalou no seu pavimento as oito palabras elixidas ata o momento. Un xesto co que se pretende seguir a mellorar a imaxe da cidade e salientar ao mesmo tempo o valor da lingua galega.

E é que “o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma, xa que sintetizan parte da realidade de cada época“, destacaba no día de onte o concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo. No acto no que estivo acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o coordinador do Seminario de Lexicografía, o académico Manuel González e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.

Rúa Menorca de Lugo / foto Real Academia Galega

No acto o presidente da RAG agradeceu a iniciativa, desenvolvida nun espazo peonil e moi transitado, e recordou que a elección colectiva da palabra do ano funciona tanto como palabra crónica que sintetiza o que foi cada ano como un xeito de expresar os desexos de futuro. “A elixida ao pecharmos o ano 2020 foi nós, unha chamada a apertarnos para sacar adiante o proxecto de futuro da lingua e do país”, expresou Víctor F. Freixanes.

Unha iniciativa para dar a coñecer o valor presente do noso léxico

Así, polo de agora, no pavimento da rúa Menorca figuran a día de hoxe gravadas oito palabras correspondentes cos oito anos desta iniciativa. Son corrupción (2014), refuxiado (2015), irmandade (2016), afouteza (2017), deseucaliptización (2018), sentidiño (2019) e nós neste pasado 2020.

O Portal das Palabras é unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico galego dunha maneira amena e en diálogo coa actualidade. Dende o ano 2014, ambas as institucións promoven dende este espazo a elección da palabra do ano cunha popularidade cada ano crecente.

Os seguidores e seguidoras do Portal das Palabras decidiron despedir o 2020, marcado pola pandemia, elixindo o noso pronome máis evocativo: nós. Con el apelábase á importancia da unidade, nese complicado ano, e rendéndolle tamén homenaxe á Xeración Nós, no centenario da posta en marcha da revista que lle deu nome.

Pode que che interese...