fbpx
Castelo de Soutomaior / foto castelodesoutomaior.com

María Vinyals, Emilia Pardo Bazán ou Pedro Madruga, así serán as visitas teatralizadas ó castelo de Soutomaior

Tempo de lectura: 2 min.

María Vinyals, Emilia Pardo Bazán, Emilia Lluria, Pedro Madruga ou Paio Gomes. Eles serán os encargados de contar a historia, os segredos, así como as súas experiencias e anécdotas do castelo de Soutomaior e os seus xardíns. Pois o pasado domingo día 30 de maio comezaron, un ano máis, as visitas teatralizadas ó castelo, organizadas pola Deputación de Pontevedra.

Trátase dun xeito diferente de coñecer o patrimonio histórico e natural deste excepcional monumento de Pontevedra, nunhas visitas que, “que tiveron tanto éxito nas edicións anteriores”, tal e como afirmaba a presidenta da Deputación Carmela Silva na presentación das visitas o pasado martes. Unhas visitas que servirán para valorizar o castelo “promovendo experiencias nun ambiente inmellorable”.

Castelo de Soutomaior / foto Historia de Galicia

As visitas comezaron o pasado domingo día 30 de maio e prolongaranse ata o 25 de agosto. Serán respectuosas cos protocolos Covid-19 para e terán habilitadas máis de mil prazas, que poderán reservarse a través da web do castelo cun prezo de 8 euros. As visitas ó castelo faranse en dúas modalidades, visitas dramatizadas e visitas caracterizadas, estas últimas dirixidas a un público infantil e máis familiar.

Nas dramatizadas, que estarán a cargo da compañía Aguia, os visitantes poderán percorrer o parque botánico e o xardín de excelencia internacional, e descubrir as árbores senlleiras, o xardín francés, as sequoias ou os viñedos. Será da man de tres mulleres caracterizadas como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria, que explicarán as súas experiencias, anécdotas e os segredos do castelo.

As caracterizadas, pola súa parte estarán guiadas por Troula, e dirixidas a público máis familiar. Os participantes poderán coñecer a historia do castelo a través das labregas Irma e Diña, así como de personaxes como Pedro Madruga ou Paio Gomes, dando a dobre visión da historia do século XV desde o punto de vista da nobreza e do pobo. Estas visitas comezarán o vindeiro sábado 5 de xuño e prolongaranse ata o 6 de setembro.

Pode que che interese...