fbpx
Castelo de Soutomaior / Juanma Lodo

Tres novas rutas turísticas para desfrutar e potenciar o castelo de Soutomaior

Tempo de lectura: 2 min.

O castelo de Soutomaior pode converterse nun polo turístico importante na provincia de Pontevedra. Ou esa é a intención da deputación provincial. Así o afirmou a súa presidenta, Carmela Silva, que presentou tres novas rutas de sendeirismo creadas na súa contorna e o investimento de catro millóns de euros nos próximos dous anos (600.000 euros da Deputación) para a musealización do edificio.

Trátase, segundo as súas palabras, de converter esta infraestrutura en “un referente turístico” para o público familiar. Así, xunto ao tres novas rutas de sendeirismo –e outras ligadas ao enoturismo, a camelia e a cultura–, reeditaranse as visitas teatralizadas e impulsaranse a utilización dos seus espazos para obras de teatro e proxeccións de cinema.

En canto ás novas rutas, a de ‘as camelias‘ ten 900 metros e discorre preto de exemplares de camelias do século XIX, árbores singulares ou o falso ciprés de Lawson.

A ruta ‘da Fraga’ é un percorrido circular de 2,1 quilómetros que atravesa un regacho ata lugares como a capela de San Caetano e bosques de castiñeiros e carballos; mentres que a de ‘os viñedos’, cunha distancia de 1,9 quilómetros, permite visitar as 3,5 hectáreas de viñedos do parque do castelo.

Árbore caída ao carón do castelo de Soutomaior por efecto dos temporais / Silvia Cernada

Danos

Por outra banda, Carmela Silva, cifrou en case 100.000 euros os danos ocasionados no complexo do castelo de Soutomaior polo temporal. “Xa foron retiradas as árbores de grandes dimensións que foron arrincados de raíz”, suliñou nunha visita ao castelo.

Quedan pendentes tarefas de reposición das árbores e de reparación de camiños, muros e mobiliario, que se porán en marcha “de forma inminente”. Durante o temporal, tal e como indicou a presidenta provincial, no complexo perdéronse unhas 20 árbores (un pinsapo, un carballo e un camelio centenarios, dous cedros, un ciprés e unha acacia, entre outros).

Coa súa caída, provocaron danos na zona amurallada, a varanda dun muro, un dos bancos e o muíño, ademais de cortar a estrada pola que se accede á capela.

Pode que che interese...