fbpx
Dorna en Rianxo / foto Xoan Antón LmbugaCCBy Wikimedia

A carpintería de ribeira, un novo Ben de Interese Cultural que xa ten órgano de avaliación

Tempo de lectura: 2 min.

En maio de 2019 a carpintería de ribeira acababa de recibir o apoio da Xunta de Galicia para ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC). Con ela as técnicas de construción desta actividade, aínda presentes de xeito tradicional en varias rías galegas poderían protexerse. Así, este oficio que en Galicia, presumiblemente, se desenvolve dende o neolítico, pasaría a formar parte do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Coa declaración queríase garantir “a investigación, protección e promoción desta técnica vinculada á historia e á cultura”, tal e como se recollía no DOG. Na declaración fixábanse tamén medidas de protección específicas, incluíndo a creación dun órgano de xestión e a promoción dun censo de embarcacións tradicionais e históricas.

Agora, dous anos despois, este órgano de xestión acaba de constituírse. Terá entre outras funcións informar sobre a pertinencia ou non da incorporación de embarcacións tradicionais e barcos históricos, ó censo a protexer, así como propoñer o recoñecemento de mestres carpinteiros. O obxectivo é o de crear unha ferramenta de salvagarda deste patrimonio en desaparición.

Estaleiro de Ciprián en Tavilo / Foto outes.gal

O recén constituído órgano conta coa representación da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e da Federación Galega de Confrarías. Así, a pasada semana o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu a primeira reunión asegurando que o Goberno galego enviará con carácter inmediato aos membros deste órgano as primeiras solicitudes de inclusión no censo.

Un censo para as embarcacións tradicionais galegas

Así, tal e como establece o decreto de declaración BIC, será a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a que reciba as solicitudes e llas remita ao devandito órgano. Este será o encargado de informalas favorable ou desfavorablemente, avaliando cuestións como a antigüidade, autoría ou correspondencia cos modelos tipolóxicos. Finalmente a Xunta estimará ou desestimará a solicitude.

Unha chalana / foto tkamorimCC0

Con todo este rexistro conformarase unha sección do Censo do Patrimonio Cultural. Conterá información sobre a súa denominación, a súa tipoloxía, os datos descritivos e dimensionais básicos e a localización do seu porto habitual, e completarase cando menos con dúas fotografías significativas da embarcación, unha en seco e outra navegando.

A anotación no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia será, ante todo, voluntaria. Corresponderá á persoa ou entidade solicitante acreditar a natureza da embarcación e a súa consideración de embarcación tradicional galega, sempre conforme os termos indicados no decreto de declaración como BIC.

Lancha xeiteira “Nova Marina” e dorna de tope “Peza de Rabo” / foto Aguamorta flikrCCBy

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...