fbpx
Monte / foto ansgarscheffold CC0

A milenaria fórmula de propiedade dos montes en man común tamén en perigo

Tempo de lectura: 5 min.

A historia do monte en man común, segundo os investigadores, remóntase ó chamado dereito xermánico do reino suevo. Con mil anos de antigüidade, trátase dun tipo de propiedade da terra diferente da propiedade privada ou da pública, na que son os propios veciños, residentes habituais dunha parroquia, quen de xeito colectivo teñen a titularidade e a xestión dos montes.

Son un xeito de copropiedade. Bens indivisíbeis, inalienábeis, imprescritíbeis e inembargábeis, dada a súa especial natureza colectiva. Trátase dun xeito de propiedade e de xestión común que permite a todos os veciños en conxunto beneficiarse do monte de todos, para manter as economías familiares, aproveitándoo para o gando, leña ou cultivos en común, entre outros.

Un monte de piñeiros / foto pixel2013CC0

Mais o monte en man común ven de sufrir ó longo do último ano varios ataques, que fan convinte considerar e blindar este patrimonio xurídico con máis de mil anos. Uns ataques que fixeron mesmo saír ós comuneiros á rúa o pasado mes de abril nunha multitudinaria manifestación. O motivo a modificación de varios artigos da Lei de Montes en Man Común pola Xunta.

Ó amparo dunha lei de 1957

Galicia conta dende antigo cun dereito civil galego propio. Trátase dun Dereito de carácter maioritariamente territorial e agrario, que se conservou en Galicia fronte o dereito privado agrario promulgado en 1888 en España. O dereito civil propio de Galicia fai referencia ós montes abertos, ós os muíños de herdeiros, as agras e vilares ou ás servidumes de paso entre outras. Os montes en man común foron un deles.

Dentro deste dereito civil galego estiveron os montes en man común. Estes foron regulados pola Lei de Montes de 1957. Nela, baseándose en parte neste dereito civil propio, outorgábase o Decreto de Prevalencia ó monte en común. Mais tarde outras leis regulaban o seu funcionamento, a Lei 52/1968, do 27 de xullo, de Montes Veciñais o decreto do 26 de febreiro de 1970, a Lei 557/1980, do 11 de novembro, ou a Lei 55/1980, do 10 de outubro.

Un monte / foto Larisa-KCC0

Todas estas leis foron dando progresivamente maior liberdade e autonomía ós comuneiros, achegándoos ó que podería parecerse a bens de dereito privado colectivo. Mais a lei 13/1989, despois modificada polas leis 7/2021 e 9/2012 e 3/2018, deixaba á Xunta como último administrador destes bens en caso de non haber comunidades que puideran facerse cargo do monte.

Porén o problema radica en que son un tipo de propiedade que non acaba de todo de encaixar no dereito romano que divide os bens entre privados e públicos. Moitas voces piden dende fai tempo, de feito, que o Estado español recoñeza con claridade a titularidade comunitaria como unha máis, en igualdade coas titularidades públicas e privadas, do mesmo xeito que acontece en Portugal.

Unha seria ameaza por parte da Xunta

Mais, o problema con este tipo de propiedade chegaba a comezos deste ano grazas a unha modificación da lei pola Xunta. O motivo foron os cambios en varios artigos introducidas polo goberno galego o pasado mes de decembro que, segundo denunciaban os comuneiros, servirían para facilitar o proceso para “entregar a empresas privadas a xestión de montes veciñais”.

Monte “abandonado”, con eucaliptos e piñeiros / foto vjgalaxy CC0

Estes dous cambios na lei permitiríanlle á Consellería de Medio Rural declarar un monte veciñal en estado de abandono. Con isto podería quitárselle a titularidade ós veciños e entregarlle a súa xestión a unha empresa por un máximo de 50 anos.

Con isto, tal e como declaraba Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), nunha entrevista no xornal Praza, estas modificacións porían en perigo a “supervivencia do que é, como unha propiedade xestionada democraticamente polos veciños e veciñas comuneiros”. Isto permitiría “quitarlles ós comuneiros a titularidade, convertendo os montes veciñais nunha propiedade romana, que pode ser vendida ou embargada”.

Un monte vivo ou para a explotación das madeireiras?

Segundo el quedaría nas propias mans da Xunta, como xuíz e parte, a posibilidade de quitar as terras ós comuneiros, segundo o que a propia administración considere como abandono, e entregalas a unha empresa por ata 50 anos. “De acordo coa nova lei pode suceder que nun momento dado non haxa ningunha persoa na parroquia que se queira facer cargo” dos montes. “Pero se un ano máis tarde resulta que si xa non o poderán facer e terán de que agardar ese medio século”.

Un Bosque / foto LUM3NCC0

Ademais, denuncia que os motivos deste abandono, poderían ser considerados, ante todo, dende un punto de vista produtivo. “Un monte comunal pode ser declarado en abandono cando o Banco de Terras  diga que un monte que pode ser forestado complemente non o está ó 100%. Ti imaxina que unha comunidade decide que o 25% do monte vai para madeira, o 25% para pastos, o 25% para froitos do bosque e o restante 25% para pasear. Iso é un monte abandonado? Non, pero a Xunta pode expropialo se decide que tiña que ser dedicado un 100% a madeira”, explicaba ó medio.

Unha nova ameaza na costa, esta vez do Estado

Mais esta non é a única das ameazas. Pois no medio desta polémica o Goberno do Estado ven de engadir un novo motivo para a defensa dos montes en man común. Pois, tal e como publicaba nos últimos días Nós Diario, o Estado quere facerse coa propiedade daquelas partes de monte comunal situadas dentro do dominio público marítimo terrestre.

Un bosque / foto Free-PhotosCC0

Pois, tal e como denuncian os comuneiros do Baixo Miño, a Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda tense dirixido a varias comunidades desta zona para informalas que unha parte da titularidade dos mesmos correspóndelles á administración estatal por localizarse neste espazo. Os terreos pasarán á titularidade do Ministerio da Transición Ecolóxica e do Reto Demográfico.

E é que segundo a Lei de Costas de 1988 “non poderán existir terreos de propiedade diferente á demanial do Estado” na franxa costeira. Mais ata hoxe estas propiedades nunca foron reclamadas. O conflito xurde de que os montes en man común tampouco o son privados, senón unha propiedade de carácter colectivo, e, segundo os comuneiros, non poden pasar ó Estado como se fosen titularidades privadas de seu.

Unha fraga / foto mario-kCC0


Para saber máis: sobre a afectación dos montes en man común polas novas leis poden consultarse os artigos dos xornais Galicia Confidencial e a entrevista a Xosé Alfredo Pereira no xornal Praza. Sobre as ameazas dende o Goberno do Estado pode consultarse o artigo de Nós diario. Pode consultarse a Lei 13/89 de Montes en man comun na web do Parlamento de Galicia. Pode tamén coñecerse en máis detalle todas as iniciativas relacionadas cos montes en man comín na web da Organización Galega de Montes Comunais.


Pode que che interese...