fbpx
Mosaico romano de Panxón foto documento de Pascual Hermida CC-By

Debería volver a Galicia o mosaico romano de Panxón que se atopa nunha colección privada de Nova York?

Tempo de lectura: 2 min.

Unha peza arqueolóxica extraordinaria do século III d. C., única representación do xénero musivario cun tema mariño na contorna metropolitana de Vigo. Así é o mosaico de Panxón, un mosaico dunha enorme calidade que representa un peixe, nadando nas augas mariñas, xunto a unhas ameixas. Pola súa forma dedúcese que formaría parte dun mosaico moito máis grande.

O mosaico foi atopado no sitio do Castro, en Panxón, Nigrán, nun lugar cun alto grao de romanización. Achado neste lugar de xeito casual no s. XIX pola familia Puga, pasou máis tarde encaixado nunha mesa á colección da familia Blanco–Cicerón, na cidade de A Coruña. Acabaría perdéndose o seu rastro trala súa venda en poxa pública e posterior saída de España. Porén no ano 2019 a peza apareceu nunha colección privada de Nova York, a Carlton Hobbs.

Esta púxoa a venta e agora unha asociación quere traer esta peza de volta a Galicia. O obxectivo é conseguir 58.000 euros para repatriar dende Nova York o Mosaico de Panxón e cedelo, en doazón ou préstamo, a unha institución que garanta a exhibición da peza, así coma súa conservación e promoción  da romanización do Val Miñor.

Mosaico romano de Panxón foto documento de Pascual Hermida CC-BY

Trátase da Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón, unha asociación creada expresamente para este fin. Unha asociación formada por médicos, licenciados en dereito, economistas, empresarios, enxeñeiros, biólogos ou deportistas. Tamén un xestor cultural e o arqueólogo e profesor de secundaria Gustavo Pascual Hermida.

O mosaico atopado en Nova York foi estudado no seu momento polo profesor Acuña Castroviejo e descrito entre outras publicacións en “Vigo en su Historia “. Foi tamén identificado in situ polo Dr. Carlos Picón, no seu momento responsable da arte antiga do Metropolitan Museum de Nova York confirmando a súa antigüidade, orixe e taxación. Para coñecer todos os detalles do mosaico a asociación ten, a disposición de todos, un detallado estudo de Pascual Hermida.

Vila de Panxón con Praia América / foto farrangallo CC-By Wikimedia


Para saber máis: Para saber máis do mosaico pode consultarse o documento en pdf de Pascual Hermida posto á disposición da asociación. Pódese consultar toda a información do proxecto na súa páxina web.


Pode que che interese...