fbpx
Centro de Interpretación de RVR Arquitectos do PAAR de Campo Lameiro / foto PAAR

Dez anos do Parque que é o epicentro da arte rupestre galega

Tempo de lectura: 4 min.

“Hoxe é o día do 10 aniversario do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (…). Agardamos que teñamos este verán outra ocasión de compartir experiencias e conversas coa nosa programación especial: Verán entre Petróglifos. Grazas polo vosa querenza pola arte rupestre e o patrimonio galego”.

Con estas palabras lembraban dende as redes sociais do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) os dez anos dun proxecto que hoxe é xa un referente na divulgación e a na interpretación da nosa prehistoria. Trátase dun gran parque arqueolóxico que permite a galegos e forasteiros, con múltiples actividades ó longo de todo o ano, coñecer todo o rico patrimonio relacionado cos nosos petróglifos e coa cultura que lle deu lugar.

É un parque dedicado a arte rupestre ó aire libre que abrangue 22 hectáreas, cun conxunto de petróglifos de excepcional valor e numerosas estacións. Trataríase, senón dun dos máis importantes conxuntos de petróglifos de Galicia, si dun dos máis representativos. O Parque atópase situado no concello de Campo Lameiro.

Centro de Interpretación de RVR Arquitectos do PAAR de Campo Lameiro frame do vídeo promocional do Parque

Un proxecto desenvolvido por tres gobernos galegos de diferente cor

E é que un 6 de xullo do ano 2011 abría as súas portas o Parque. Foi case unha década despois de que o conxunto de petróglifos que hoxe o compoñen fora declarado Zona Arqueolóxica. Foi o 20 de xuño do 2002, no mesmo ano no que o goberno de Manuel Fraga presentara un concurso de anteproxectos para a construción dun centro de interpretación arqueolóxico no lugar.

Porén a súa construción non comezou ata un lustro despois, ata o ano 2007, durante o goberno do bipartido de PSdG e BNG. Porén o proxecto aínda tardaría en ser inaugurado outros catro anos máis, sendo aquel 6 de xullo do ano 2011 cando o actual presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo inauguraba o proxecto.

Centro de Interpretación do PAAR de Campo Lameiro / foto PAAR

Un moderno edificio

Así, a institución encargada de divulgar os valores do noso patrimonio rupestre comezaba a traballar aquel verán de hai unha década. Fíxoo nunhas modernas instalacións deseñadas polo estudio RVR Arquitectos, gañador do concurso de ideas convocado por la Consellería de Cultura e Deporte de la Xunta de Galicia. O estudio foi tamén o responsable de desenvolver o proxecto.

Trátase dun centro de interpretación caracterizado por unha imaxe moi actual e icónicamente monolítica, que se atopa cuberto externamente por completo por escamas de granito. Un gran edificio alongado furado en sentido transversal que acolle no seu interior o espazo de intrepretación, obradoiros e oficinas e que se configura na paisaxe como unha verdadeira porta de entrada ó lugar.

Petróglifo en Campo Lameira / foto PAAR

Un conxunto excepcional de petróglifos e un poboado da Idade do Bronce

E é que o Parque arqueolóxico está construído xusto o pé dun dos conxuntos rupestres máis impresionante de Galicia, situados no mesmo contexto xeográfico no que levan ó redor de 4.000 anos. Atópanse en torno a un itinerario de visita de máis de 3 quilómetros de lonxitude con áreas de descanso e espazos para a súa visión e interpretación e equipados mesmo con fontes.

Os petróglifos do lugar inclúen deseños xeométricos como cruces, círculos concéntricos ou coviñas. Tamén representación naturalistas propias da arte rupestre galega, como cervos, cabalos ou serpes. Un excepcional conxunto que se integra dentro do grupo da arte atlántica europea. Algúns son dos máis interesantes e mellor conservados de Galicia.

Poboado da Idade do Bronce / foto PAAR

Ademais o Parque conta tamén con unha pequena recreación dun poboado da Idade do Bronce, de fai aproximadamente 4.000 anos. Está composto por varias cabanas e un celeiro palafítico, feitos cunha tecnoloxía que reproduce a que presumiblemente se aplicaba daquela. O seu obxectivo é achegar ao visitante á vida cotiá durante a Idade do Bronce.

Un lugar enchido de actividades

Pero ademais, como non podía ser doutro xeito, o Parque ten nas súas actividades de divulgación un dos seus sinais de identidade. Tal e como contamos en diversas ocasións, o parque ofrece ó longo do ano un importante programa para dar a coñecer este período da nosa prehistoria, enfocado a todas as idades.

 

Entre as organizadas houbo visitas escolares, visitas de grupos enfocadas a toda a familia, visitas nocturnas, visitas ó atardecer e o amencer, pois son os momentos nos que a luz natural permite apreciar mellor as gravaduras, actividades en familia e xincanas para os mais cativos. Neste 2021 po PAAR acaba de presentar un conxunto de actividades para toda a familia nomeado como Verán entre Petróglifos co que queren celebrar os 10 anos de traballo.

Visitas para toda a familia no PAAR / foto PAAR

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...