fbpx
Unha película de Neflix reconstrúe a vida de Marcela e Elisa

Dous relatos de amor e homosexualidade da nosa historia para enfrontar prexuízos

Tempo de lectura: 3 min.

Corría o ano 1061 cando na parroquia de Santa María de Ordes, no concello de Rairiz de Veiga, quedaba reflectido nun documento o que podería ter sido o primeiro matrimonio homosexual documentado, non só de Galicia senón tamén de toda a Península. Trataríase dun pacto de unión oficial entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz, dous homes que vivían xunto nesa parroquia.

O pacto asinado por Pedro e Muño o 16 de abril de 1061 estaría relacionado coa convivencia no fogar e a repartición de bens. O documento reflectiría, segundo o filólogo Carlos Callón quen estudou este pacto, un enlace afectivo. O filólogo desbota as teorías que indican que só se trataba dunha unión por intereses económicos ou familiares.

Como contamos noutro artigo, trátase dunha historia estudada no libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Nel se recolle a historia desta unión, que se coñécese grazas a un documento que se atopou no tombo do Mosteiro de Celanova e que actualmente se encontra o Arquivo Histórico Nacional de Madrid.

Debuxo de relacións homosexuais entre homes e mulleres

Marcela e Elisa

A outra gran historia ben documenta dun matrimonio homosexual en Galicia, neste caso entre dúas mulleres, é a xa famosa historia de Marcela e Elisa, que constituirían o outro matrimonio entre persoas do mesmo sexo de España do que hai constancia. Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga  eran dúas mestras que tiveron que manter en segredo a súa relación pero, finalmente, decidiron casar.

Fixérono o 8 de xuño de 1901 na Coruña, as sete da mañá na igrexa parroquial de San Xurxo, e para acadalo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina. Mantiveron a súa unión en segredo xa que unha exercía de muller e a outra tiña que vestir de home. Porén, tras ser descubertas víronse forzadas a fuxir a Arxentina.

Marcela e Elisa / foto PD Publicada en La Voz de Galicia de 1901, José Sellier Wikimedia

A súa unión matrimonial realizouse máis de cen anos antes de que a lei permitise o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, o que aconteceu no ano 2005. É por isto que este feito pode considerarse un verdadeiro precedente do matrimonio homosexual en Galicia e en España. A súa historia hoxe é xa amplamente recoñecida e foi mesmo foi levada á ficción na plataforma Netflix.

A homosexualidade, unha constante na historia

As relacións afectivas e sexuais entre persoas do mesmo sexo estiveron presentes en todas as épocas da historia, dende o paleolítico ata a actualidade. Varios gravados en pedra en diferentes abrigos e covas francesas como La Marche ou Laussel amosan o que os expertos identifican con relacións tanto entre mulleres como entre homes.

Especialmente coñecidas foron as relacións de homosexualidade na antiga Grecia. Alí era común que homes adultos e adolescentes conviviran nunha relación de formación e tutela. Este costume pasou despois a Roma onde as relacións entre pedagogos e discípulos estaban aceptadas.

Na Idade Media, co espallamento por Europa do cristianism,o a moral chegou a derivar cara posicións rigorosas no tocante á sexualidade a afectividade. O pensamento ascético tendeu a censurar as relacións que non foran meramente reprodutivas, xa que, para moitos teólogos, os praceres físicos debían ser rexeitados fronte ós espirituais. Estes posicionamentos morais son os que, en boa medida, foron herdados ata os nosos días.

 

 

Pese a iso non foron poucas as manifestacións asociados coa homosexualidade dende a Idade Media. Un exemplo estaría no ámbito monástico do Sacro Imperio, onde chega a florecer unha literatura amorosa que canta o amor entre homes. Tamén, antes do Concilio de Trento, chegou a ser común a cerimonia da adelphopoiesis un ritual de unión entre persoas do mesmo sexo a través da cal se instituía unha unidade semellante á familiar. Ó longo da historia e ata os nosos días é coñecida a homosexualidade de científicos, artistas, políticos ou intelectuais.

Pode que che interese...