fbpx
Milladoiros de cons construídos no entorno do Castro de Baroña / FB Luz Divina González

A moda dos milladoiros en espazos naturais e patrimoniais: “O produto da estupidez humana”

Tempo de lectura: 2 min.

“Isto é produto da estupidez humana, do sen sentido” así describe Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio, os cúmulos de pedras que levantan algúns turistas nas praias por toda a costa. No caso da Mariña, resalta o caso da Praia das Catedrais, espazo declarado Monumento Natural e no que hai uns días numerosos turistas se adicaron a facer este tipo de milladoiros alterando a paisaxe natural do entorno. De feito, isto non bota para atrás a moitos bañistas para “crear” estas “construcións”. “Nun programa de TV que se gravaba nas Catedrais vimos uns mozos facendo un deses milladoiros e cando lles preguntamos por que o facían responderon: é un monumento á natureza” di Miranda.

Preguntados sobre cales poden ser as motivacións detrás dos milladoiros nas praias, as persoas consultadas coinciden na falta de argumentos reais. “Son modas que tentan imitar tradicións inexistentes, nin é unha tradición relixiosa ou pagá, só buscan enredar” di Fernando Suárez, rexedor de Ribadeo, que remata coa idea de “querer dicir: eu estiven aí”. Coincide con el Manuel Miranda, “é simplemente chamar a atención, facer un selfie e subilo”.

Turistas facendo pequenos milladoiros ou montonciños de croios en zonas prohibidas da praia das Catedrais /@tocamates Tuiter

Modas e lendas urbanas

“Son modas baseadas en lendas urbanas, tamén hai quen o presenta con motivacións estéticas ou místicas, realmente non o sabemos” di Belén Rodríguez de ADEGA. “Non coñecemos as verdadeiras motivacións, mais desde logo non responde a nada que teña xustificación cultural” e aínda menos contribúe a mellorar a paisaxe.

“Tamén a xente se dedica a escribir o seu nome nas paredes dos cantís con data e todo” apunta Miranda. O alcalde de Ribadeo lembra este fenómeno cando xa As Catedrais eran moi coñecidas. “Hai como catro anos tivemos ese problema, a xente riscaba nos cantís datas e nomes, ao final con advertencias serias e rigorosas puidemos atallar este problema”.

A moda de riscar as paredes parou, mais logo chegou a de amorear pedras. “O turismo masificado é moi difícil de controlar e as medidas que quedan son ou concienciar ou sancionar” di Miranda. “A gravidade é que isto se volva viral, por iso avisamos aos nosos socorristas que, sen deixar de lado as súas funcións avisar que non se faga” di Suárez quen lembra que, como monumento natural, as competencias están na Xunta. Toda a reportaxe en Xornal da Mariña.

Pode que che interese...