fbpx
Detalle da antiga cidade de Tui / S.V.

O misterio do cemiterio tardoromano de San Xoán de Porto en Tui

Tempo de lectura: 3 min.

O cemiterio de San Xoán é un interesante exemplo das necrópoles tardorromanas que se localizaron no antigo espazo urbano de Tude. Moito menos coñecida que a de San Bartolomeu de Rebordáns, a área funeraria de San Xoán de Porto sinalaría a importancia da relación de Tui co Miño.

A igrexa románica de San Xoán de Porto era unha parroquia medieval de Tui que ficaba xunto do Miño e que a partires do ano 1330 vería como se construía ao seu carón o convento de San Domingos. Os dominicos esforzaríanse en comerlle-lo terreo á vella igrexa de San Xoán. Así co paso dos anos a igrexa minguaría até que en 1730 desapareza completamente. Dentro de San Xoán venerábanse as reliquias de San Treçón, probablemente o viaxeiro Trezenzonio, non por acaso a igrexa parroquial ficaba no principal porto de Tui.

Atendendo a antigüidade da igrexa xa mencionada no reparto de bens entre bispo e cabido do ano 1156 non era extraño que atopásemos un cemiterio xa non só medieval senón que puidera remontarse moito máis atrás no tempo. No ano 1995 realizaríanse excavacións no lateral sur da igrexa de San Domingos. Os resultados mostrarían non só a aparición de tumbas medievais ligadas tanto a San Domingos como a San Xoán como tamén de tumbas tardorromanas con paredes de tégulas.

San Domingos de Tui nun plano de 1733

Outra necrópole

O máis extraordinario non era atopar unha necrópole nese espazo senón ter esquecido que cen anos antes xa se descubrira a necrópole da antiga igrexa de San Xoán aínda que non aí senón na Alameda, detrás da absida gótica de San Domingos.

En 1894 operarios do concello abrían unha gavia para o saneamento do cuartel de San Domingos. A descrición das sepulturas sinalaban unha orixe tardoantiga. A expectación que se levantou ao longo do mes de xuño de 1894 captaría a atención de eminentes coleccionistas e investigadores como o tudense Ricardo Blanco Cicerón ou o compostelán Antonio López Ferreiro.

No xornal católico de Tui, La Integridad, seguiron os progresos nas obras da gavia xa que aparentemente non houbo unha excavación arqueolóxica. O número de sepulturas descubertas semella ser máis de oito e o máis sorprendente serían as molduras e inscricións que aparecían ou o crismón na lousa da cabeceira dunha delas.

O primeiro de xullo de 1895 un ano despois de concluidas as obras o Alcalde de Tui, Venancio Lorenzo, enviaba ao Museo de Pontevedra unha das lousas atopadas e que contaba cunha inscrición no lateral: Hic jacet Rathenda Domini Discipulus. No outro lado unha decoración xeométrica seica de carácter dentado e na parte inferior a representación en relevo dunha lanza.

Zona do porto de Tui / masmar.net

O cemiterio perdido

Malia a importancia do achádego e a repercusión na prensa galega o feito é que este cemiterio nunca chegaría a se catalogar en Tui en ningunha carta arqueolóxica.

Para os arqueólogos que teñen traballado na área isto é sorprendente xa que logo se teñen feito sondeos arqueolóxicos previos a obras na Alameda sen resultado algún.

A explicación podería estar na profundidade na que se achou o cemeterio en 1894 que correspondería á antiga cota do terreo algo que é visible nos planos históricos no que á altura da absida de San Domingos amósase o desnivel do terreo espazo nivelado a partires de 1855 cando se convirte a horta conventual na Alameda da cidade.

Agora unha pregunta aínda se formula, conserva o Museo de Pontevedra a lápida  coa inscrición de Rathenda entregada en 1895?

Pode que che interese...