fbpx
Detalle do Códice Rico da biblioteca do Escorial / foto Real Academia Galega

Lucerna Ventosa, Adania e Capparra, as tres cidades malditas romanas segundo o Códice Calixtino

Tempo de lectura: 2 min.

José María Anguita Jaén, da área de Filoloxía Latina da USC, ofreceu un achegamento á toponimia do Códice Calixtino a través das páxinas do Liber sancti Iacobi (s. XII) e as súas longas listaxes de topónimos. Foi durante a súa ponencia na VI Xornada de Onomástica Galega. As características xerais da toponimia do Liber sancti Iacobi avalan, segundo o investigador, a teoría de que a compilación é na súa maior parte obra dun único autor, “alguén moi viaxado, moi ben relacionado, con sólida formación sacerdotal e escolar, pero tamén ávido de coñecementos e formulacións novos”, e que bebeu de moi diversas fontes para ofrecer estas prolixas relacións de nomes de lugar, desde tratados antigos de xeografía ata a recollida oral.

Outro trazo singular das listaxes de topónimos desta obra é que a súa proxección no mapa ofrecen deseños xeométricos, desde a sinxela liña recta do propio trazado do Camiño ata a espiral «que debuxa o mapa da conquista da península Ibérica por Carlomagno segundo o Pseudo-Turpín, o cuarto libro do Liber Sancti Iacobi onde se narran as xestas do emperador”, conta.

José María Anguita Jaén detívose en tres topónimos desta listaxe, tres cidades ás que unha maldición do emperador convertería en ruínas: Lucerna Ventosa (Castro de Ventosa, León), Adania, que o profesor identifica como a localidade portuguesa de Idanha-a-Vella; e Capparra (ruína en Oliva de Plasencia, Cáceres), que segundo a súa proposta substituíu na versión definitiva do Liber sancti Iacobi a Coria, presente nas fontes altomedievais que inspiraron o tema da maldición-ruína, pero xa restaurada como cidade no tempo no que se escribiu a obra. O investigador salienta a coincidencia de que este último topónimo (Cauria na forma latina) sexa tamén a peza clave da hipótese exposta en 2016 polo académico correspondente Gonzalo Navaza para explicar a orixe do nome da Coruña, que ve na Crunia da lista do Pseudo-Turpín unha forma defectuosa do Cauria.

A VI Xornada de Onomástica Galega reuniu no Museo de Pontevedra especialistas de distintos ámbitos que profundaron na onomástica a través do Camiño de Santiago, deténdose en como se forxou e se espallou o propio nome de Santiago dende a Idade Media como símbolo de identidade de Galicia, na súa pegada nos nomes propios e apelidos, na toponimia a través do Códice Calixtino ou na evolución semántica dos corónimos Galicia e España, entre outros asuntos. O encontro rematou cunha mesa redonda na que se debateu sobre o liderado que Galicia pode asumir no eido da investigación onomástica.

Pode que che interese...