fbpx
Recreación dun caudillo viquingo / legadohistoria.blogspot.com.es/

Quen eran os primeiros vikingos en pisar o noroeste da península, saqueadores ou mercenarios?

Tempo de lectura: 2 min.

Na consciencia popular está a visión dos vikingos como aqueles bandidos que chegaban ás nosas costas para roubar nas nosas cidades e vilas. O primeiro ataque vikingo ás costas do norte da Península Ibérica está datado no 844, mais crónicas árabes revelan que xa no ano 795 os vikingos chegaron ás costas asturianas para seren mercenarios dos señores asturianos.

Como indica, o investigador Alvar Ordoño nun artigo no seu blogue “Hispania de los Vikingos”, o cronista árabe Ali ibn al-Athir na súa obra “A historia completa” menciona un exército asturiano que contou coa axuda dos Baskunas (vascos) e dos Al-Magus (nunha tradución literal significa “paganos”).

O termo Al-Magus foi escrito por outros cronistas árabes para describir aos vikingos nos seus ataques ao sur da península. Por isto, o historiador Arne Melvinger afirma que os Al-Magus que menciona Ali ibn al-Athir son os primeiros en chegar á península.

Aliados antes que amenaza

As crónicas asturianas falan dos vikingos por primeira vez no ano 844, mais é posible que con anterioridade non os mencionasen porque ata ese ano non foran atacados polos vikingos xa que exercían de aliados da monarquía.

Diverosos autores documentaron a presencia vikinga nesaa época na costa de Gascuña. Alí, os vascones vivían nunha relativa anarquía que permitía o seu asentamento para organizar ataques e alianzas coas monarquías e señoríos.

A crónica de Ali ibn al-Athir non é a única que nomea aos Al-Magus como aliados dos reis asturianos. No 825 d.C., Ibn-Hayyan narra unha campaña árabe contra o norte cristián na zona de Álava, nunha montaña denominada Djabal al-Madjus (montaña dos paganos). Para o historiador Anton Erkoreka, a situación xeográfica desta coincide co monte Sollube, onde sempre se sospeitou que había un asentamento danés. 

Estes datos fan moi verosímil a posibilidade de que, dende aquela montaña en Álava, os vikingos organizaran as súas alianzas cos señores asturianos na súa guerra contra os musulmáns e para manter a orde ao longo dun territorio que se estendía dende Galicia ata Euskadi.

Pode que che interese...