fbpx
Pena Castrela, en Friol, que ten lendas sobre mouras e na que se atoparon petróglifos / Xabier Moure

Tentando protexer alquerques, petróglifos e unha pena que ocultaba mouras en Friol

Tempo de lectura: 2 min.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitan á Xunta de Galicia a catalogación de tres elementos patrimoniais no concello de Friol. Os primeiros atópanse no Paseo Fluvial, próximos á piscina da capital municipal. No ano 2013, o veciño de Friol, Diego Viñas Santos, observou que unha pena granítica contiña varios gravados, sacoulle unha foto e envioulla a Patrimonio pero non tivo resposta. No ano 2016, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitamos a catalogación, pero tampouco obtivemos resposta, polo que reiteramos que se inclúa no catálogo de bens culturais para que sexa protexido. Sobre a pena hai gravados varios motivos moi erosionados, só se aprecia claramente unha combinación de catro círculos concéntricos con coviña central da que parte un apéndice. A poucos metros localizamos outra pedra con oito cazoletas. Estes gravados, situados moi cerca de onde se celebra o Friulio, a festa de recreación castrexa e romana organizada pola asociación A Castronela e o Concello de Friol, serían un elemento engadido a admirar polos visitantes.

O segundo achado atópase no adro-cemiterio da igrexa románica de Anxeriz. Trátase dun “alquerque de nove”, coñecido tamén como “O Muíño”, un taboleiro de xogo que, xunto co “alquerque de tres” (Tres en raia) e o “alquerque de doce”, foi moi popular durante a Idade Media. Este tipo de xogo, crese que introducido na Península antes do cambio de Era, cítase en manuscritos árabes do século X, e no Libro dos Xogos de Alfonso X o Xabio, escrito entre o 1251 e 1282. Adoita aparecer en igrexas e mosteiros, e en castelos. Son relativamente abundantes en Santiago de Compostela e Ourense, pero moi escasos na provincia de Lugo onde só se coñecen, que saibamos, en Castromaior (Abadín), Penadominga (Quiroga), igrexa mosteiral de Diomondi (O Saviñao), e Picos da Torre, en Piornedo (Cervantes) localizado polo noso colectivo.

Alquerque, xogo tíico do medievo / Xabier Moure

O terceiro elemento patrimonial é A Pena Castrela, no monte do Pedrido, na parroquia de Narla. Trátase dun enorme afloramento granítico cunha altura aproximada de 12 metros, a cuxo pé se abre un acubillo cunha altura máxima de 1,60 metros. Na citada cavidade vense dúas coviñas das que parten uns longos sucos, e ao seu carón outras cinco coviñas. Na cara oeste da pena vense cinco entalladuras de forma navicular (escasas na arte rupestre na provincia de Lugo) perfectamente aliñadas, cunhas medidas de 30 por 20 cm, e unha cazoleta de 7 cm. Estas singulares formas crese que poderían ser utilizadas en prácticas rituais. Chama poderosamente a atención que as cinco entalladuras teñan idénticas medidas e se sitúen á mesma distancia unhas das outras. Catro foron descubertas a finais dos anos oitenta polo investigador Juan Núñez Jato, e a quinta e cazoleta por nós. Esta pena conta coa lenda máis famosa do concello de Friol, asociada a unhas mouras. As asociacións culturais A Castronela e Carballo Vivo levan anos traballando para poñela en valor xa que se trata dun dos lugares máis visitados do municipio.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...