fbpx
Fotografía de Constantino Suárez do Consejo Soberano de Asturias y León durante a Guerra Civil.

(Vídeo) Viaxe ao centro da barbarie franquista na comarca de Celanova, “a vila da morte”

Tempo de lectura: 8 min.

Celanova foi descrita como “A Vila da Morte” polo ABC republicano no ano 1937. A vila ourensá foi dos lugares máis castigados polos fascistas e nos que se viviron momentos atroces que aínda teñen a súa pegada na actualidade. Dous membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, o seu secretario, Hixinio Araúxo, e o xornalista Erik Dobaño, móstranos os lugares máis representativos da barbarie fascista na comarca.

O Alto do Furriolo

Primeiro trasladámonos ao Furriolo, un acceso a Celanova no que moitas das persoas presas no Convento de Celanova, habilitado como prisión dende finais de xullo de 1936, foron paseadas. Nun primeiro momento estas persoas eran veciños da comarca, relacionados coa esquerda política local. Un dos paseados máis representativos foi Celso de Poulo, que chegara a ser alcalde de Gomesende en 1936.

O mural do Furriolo en homenaxe aos paseados durante a Guerra Civil na comarca de Celanova / Samuel Pérez

De Poulo tivo a sorte de que a nai de Pepe Velo, que tiña relación cos falanxistas, avisou á familia do alcalde do seu paseo e do lugar no que foi asasinado. A familia de Celso de Poulo recolleuno e trasladouno ao cemiterio de Sorga. En 1981, exhumaríano e trasladarían os restos a Poulo (Gomesende), a parroquia natal desta vítima do franquismo.

O Alto do Furriolo era un lugar de preferencia polos fascistas para levar os paseados. Segundo a testemuña de Elixio Rodríguez, cada día chegaban a Celanova entre 10 e 15 novos presos, mais a cifra mantíñase, entre 100 e 300 presos ata 1938, porque outros tantos eran paseados. Non había unha norma pola que os falanxistas escollían as súas vítimas na maior parte dos casos. Esa incerteza creaba un temor continuo nos presos. Non sabían quen ía ser o seguinte, podía ser calquera.

A Asociación Arraianos, que tivo actividade nos anos do bipartito no Goberno galego, colocou un mural na honra dos paseados no furriolo. Unha peza de dous metros de alto e seis de ancho feita polo artista Xosé Vizoso e que non ten sinalización que te indique como chegar. Dúas caras, unha cara a estrada pintada con cores vivos e outra composta por unha lámina de ferro. Esta homenaxe ás vítimas do franquismo durante a Guerra Civil foi atacada en varias ocasión e obxecto de pintadas ultraconservadoras.

Poza da Ras

Poza da Ras, foxa na que se atopan catro paseados no verán do 36 en Celanova / Samuel Pérez

Neste espazo que se atopa no Concello de Verea, noutra das estradas que se dirixen a Celanova, pasearon a catro dos 80 presos mortos que teñen contabilizados dende o Comité. Entre os catro paseados atopamos a dous mestres, un farmacéutico e un chófer. O chófer e un dos mestres eran de Ourense. A irmá do primeiro tamén foi paseada tras o seu encarceramento en Bande. O outro mestre era o único da comarca.

Esas tres personaxes están documentadas polo proxecto Nomes e Voces coordinado polo historiador da USC, Fernández Prieto. Pola súa parte, do farmacéutico non se sabía nada, ata este último ano no que o Comité o sacou á luz. Era importante no seu oficio xa que chegou a ser presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense no 1936, aínda que borraron o seu nome da historia da entidade segundo nos comenta Hixinio.

Non todo está escrito, aínda falta traballo que facer tanto por parte dos historiadores e dos comités”, tamén declara o representante da asociación de Celanova que engade que “hai que ter en conta que cando se abre unha foxa, ábrese tamén a memoria. As testemuñas e as fontes tenden a falar entón”. Moito do traballo débenllo ao historiador da Universidade de Vigo e membro do Comité, Pablo Sánchez. Dende a organización celanovesa xa se contactou con tres das catro familias e teñen pensado facer un acto de homenaxe no lugar que poida cumprir con estes obxectivos.

Cemiterio de Sorga

O Cemiterio de Sorga, onde foi enterrado o paseado e alcalde de Gomesende Celso de Poulo / Samuel Pérez

A nosa seguinte parada non é outra que o cemiterio no que enterraron a Celso de Poulo, o alcalde de  Gomesende. É un recinto pequeno, cunha pequena capela á que xa lle está dado a luz fría do atardecer do inverno. Como Celso de Poulo non foi o único paseado ese día, dende o Comité pensan que podería haber “algún outro paseado” nesa zona, aínda que xa hai lápidas posteriores que dificultan unha posible exhumación.

A escasos metros do Cemiterio de Sorga atópase un pazo que, segundo nos comenta Hixinio, pertencía á familia de Calvo Sotelo polo que se preguntan se a ubicación dos cadáveres destes paseados trátase dunha ofrenda.

Cemiterio de Celanova

Fernández Prieto comentara nunha entrevista a este medio fai un mes que moitos dos paseados ou fusilados foron enterrados en cemiterios. Este é o caso dos sete asturianos fusilados pola Bandeira da Falanxe de Marrocos o 22 de setembro de 1939 ás 7:00. O nome dos asturianos fusilados contra os muros do mosteiro a plena luz do día: Baldomero Vigil Escalera Vallejo (pintor, 19), Marcelino Fernández García (mecánico, 21), Guillermo de Diego Álvarez (chofer, 25), Alfonso Moreno Gayol (chofer, 26 anos), Abelardo Suárez del Busto (albanel, 28), Belarmino Álvarez García (mineiro, 29) e Mariano Blanco González (litógrafo, 36).

Fosa no cemiterio parroquial de Celanova dos fusilados asturianos

O seu fusilamento foi o cume da violencia en Celanova. Dous días antes de que a Bandeira de Marrocos da Falanxe voltase ao seu lugar de orixe, decidiron cumprir as sentenzas destes sete mozos condeados á morte. Os asturianos formaron parte do bando republicano na Fronte do Norte, cando caeu Asturias foron capturados cando trataban de escapar por mar. Foron dirixidos a Camposancos, onde serían “xulgados” e sentenciados á pena de morte e, mentres non se cumpría a sentenza, foron trasladados ao Mosteiro de Celanova.

Fronte ao cemiterio hai un aparcadoiro de terra dende onde podemos observar gran parte da vila e dos arredores. Obsérvanse os muros do cemiterio e das estradas, Erik destaca que foron construídas polos propios presos. Entramos e, ao final do corredoiro central hai un pequeno xardín a man esquerda. No centro, un ramo de flores en homenaxe aos fusilados. Fronte o espazo no que se atopan enterrados estes, atópase a sepultura do único falanxista morto na Guerra Civil, o xove López Blanco. Atopámonos ante outra encuberta homenaxe falanxista?

A cruz do Outeiro de Obras

O fusilamento dos asturianos quedou na memoria da veciños e veciñas, aínda que non estaba documentado ata este último ano grazas ao traballo do Comité, que ademais atopou as familias de dous dos asturianos. Mais este feito non é a única pegada da Bandeira de Marrocos que quedou na comarca. A cruz que se atopa no alto do Outeiro de Obras foi levantada e propulsada por este grupo militar fascista.

A cruz / foto Comité pola Memoria Histórica de Celanova

Actualmente, o lugar é un miradoiro. As vistas comprenden toda a vila de Celanova e os montes que a rodean. Mais como dende o miradoiro vese toda a vila, a cruz falanxista vese dende toda a vila. Unha mostra de poder, da vitoria dos franquistas, que aínda segue no alto deste monte. A súa perpetuidade foi demandada pola mesmo grupo militar. Como recolle La Región, o día 24 de setembro de 1939 cando a Bandeira de Marrocos se marcha de Celanova, o comandante declarou: “Sr. Alcalde, yo espero que sabréis perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos”. Como indican tanto Erik e Hixinio, “e ata hoxe chegan estas palabras”.

O Comité loita dende o seu inicio pola caída deste símbolo. Os votos en contra do PP e de Celanova Decide evitaron que se debatese no Concello. A vía política a través da corporación municipal déixana como imposible e apelaron ao subdelegado do Goberno español en maio do 2021; seguen esperando resposta. Non só se trata de eliminar a cruz, trátase de todo o conxunto. Achegámonos ao elemento e podemos chegar a observar o escudo da Falanxe e unha inscrición: “Caídos por Dios y por España en la comarca de Celanova”.

Hixinio e Erik móstranse positivos en certa maneira xa que, polo menos, agora a cruz está ben documentada, trátase dun símbolo franquista e non hai escusas para a súa eliminación. “Agora non se pode encubrir con ignorancia, se sabes que é fascista ou ben asúmelo e mantés un símbolo fascista, ou ben o retiras, por lóxica democrática”, engade Hixinio.

Mosteiro de Celanova

Baixamos de novo á vila e aparcamos detrás do mosteiro, préto da estrada pola que os franquistas poderían sacar aos paseados ou chegar con novos presos. Entramos no Claustro Barroco. Este era o edificio que primeiro se adicou como prisión. O seu comedor foi o espazo habilitado para os presos. O amoreamento foi norma durante eses primeiros anos. As vítimas da barbarie franquista tiñan que facer as súas necesidades en diversos baldes, á vista de tódolos compañeiros. A privacidade non existía. As primeiras cifras fiables falan entre 100 e 300 persoas.

Claustro Vello do Mosteiro de San Salvador de elanova / foto Jose Antonio Gil Martínez CCBy Wikimedia

En 1938, coa caída da Fronte do Norte e a chegada de combatentes asturianos republicanos obrigaron a habilitar tamén o Claustro do Poleiro. Alí, chegaron a estar presas máis de 1700 persoas e nesas instancias produciuse tamén un dos acontecementos máis violentos da “Vila da Morte”. Os 700 homes da Bandeira da Falanxe de Marrocos durante os tres meses que estiveron en Celanova tras a finalización da guerra foron os protagonistas de varios metrallamentos a través do chan do mosteiro aos presos. O episodio máis tráxico tivo lugar o 1 de agosto de 1939 ás 7:30, 10 presos saíron feridos. A única vítima mortal deuse noutro día, o 20 de setembro, durante a última semana na que estiveron na vila.

Tanto Erik, como Hixinio estudaron alí, no Claustro do Poleiro que agora é o Instituto de Celanova, e de cativos non sabían que ese espazo fora prisión franquista dende a Guerra Civil ata 1943. Non había e non hai unha verdadeira memoria democrática. Non sabían que entre esas paredes morreron un total de 84 persoas, segundo o historiador Rodríguez Teijeiro.

A represión non se quedaba na violencia física, ía máis aló. Por exemplo, o avó de Hixinio foi un represaliado económico: quitáronlle as súas terras e todos os seus recursos económicos. Era unha persoa maior, polo que non a meteron na cárcere, mais quedou sen recursos e foi obrigado a traballar gratis para a Administración e a Igrexa. Ser tres días alcalde socialista serviulle para ser declarado apóstata. Por isto, ao morrer no 1949, foi enterrado fóra dos muros do cemiterio. Isto nolo contou o propio Hixinio na entrevista que lle fixemos no Claustro Barroco onde repasamos toda a represión que sufriu a comarca de Celanova.

Pode que che interese...