fbpx

Así é Os Cotarelos, o novo castro costeiro atopado en Oleiros

Tempo de lectura: 3 min.

Aínda que moitos veciños e persoas interesadas na arqueoloxía da zona xa comentaban con anterioridade a existencia do Castro dos Cotarelos, non foi ata o 2015 cando se catalogou este xacemento. Localizado nas inmediacións do Porto de Dexo, na parroquia de Santa María de Dexo, este castro súmase aos outros 12 catalogados no concello de Oleiros, na Coruña.

Co artigo “Os Cotarelos. Un xacemento inédito en Dexo, Oleiros (A Coruña), o historiador David Fernández Abella dá a coñecer este recinto arqueolóxico, descoñecido ata agora. Con este traballo, publicado en decembro do 2021, abre as portas para unha posible intervención arqueolóxica que axude a coñecer máis a fondo as características e funcionalidade deste castro costeiro.

Ata o de agora, os traballos de investigación de Fernández Abelleira aportan algún datos que permiten comparar este recinto con outros da comarca, como pode ser o castro Punta Roza, a 700 metros do de Cotarelos.  Ambos, de dimensión similares, aproveitan unha punta mariña para a súa localización, que no caso do castro dos Cotarelos  resulta estratéxica dende o punto de vista marítimo, pois permitía controlar o porto.

Os Cotarelos é un castro costeiro fortificado de 185 metros de longo e 80 de ancho, que conta cunha superficie de 1,7 hectáreas de extensión. Porén, a súa condición costeira abre a hipótese de que o seu tamaño fose maior, reducíndose ao longo dos anos por mor dos procesos erosivos costeiros. O recinto conta con dous recintos “de tendencia ovalada”. O recinto principal, máis próximo ao lado costeiro do castro, ten so seu interior a coñecida popularmente como “A pena da rocha”. A pesar de que a cronoloxía de ocupación do castro aínda está por determinar, Fernández Abella indica que podería pertencer, posiblemente, á Idade de Ferro.

Actualmente, o castro está cuberto de vexetación, mais parece atoparse en bo estado, o que posibilitou a súa identificación a través de ferramentas dixitais. Porén, a presenza dunha ruta de sendeirismo polo interior do recinto é o principal problema ao que se afronta o recinto arqueolóxico. O transcurso de bicicletas pola zona provocan unha erosión maior á costeira, o que podería perxudicar o lugar. Paradoxicamente, esta erosión tamén permitiu o descubrimento de tres pezas cerámicas no sendeiro, que poderían pertencer á época de ocupación.

A REALIDADE ARQUEOLÓXICA DE OLEIROS

Cunha extensión de 43,66 quilómetros cadrados e un total de 36.922 habitantes no 2021 repartidos en 9 parroquias, o Concello de Oleiros conta cun interesante rexistro arqueolóxico. No que a castros se refire, o lugar conta con 12 castros, a metade deles costeiros. Os castros de Punta Rosa, Punta Torrella, Morro de Canide, Santa Cristina e Castelo Grande enriquecen arqueoloxicamente a costa do concello. Porén, Fernández Abella sinala a falta de traballos de intervención arqueolóxica e mantemento. Actualmente, atópanse sinalados os Castros de Xaz, Subliña e Punta Torrella, nos que as labores de mantemento son escasas e a vexetación gaña lugar nestes recintos.

Ademais, a elevada poboación do concello, así como a abundante edificación, é un dos principais problemas para a identificación e catalogación de novos xacementos, pois poderían estar próximos a lugares actualmente urbanizados.

A TECNOLÓXIA, ESENCIAL PARA O DESCUBRIMENTO DE XACEMENTOS

A chegada de Internet é unha das chaves para entender o descubrimento do castro dos Cotarelos, que se suma a outros identificados nos últimos anos, como é o caso do Castro de Castelo Grande, o último en ser catalogado, no 2018.

Ata a chegada de Internet, como sinala Fernández Abella, as indagacións arqueolóxicas facíanse, principalmente, a través de fotografías aéreas ou solicitando información e documentación a organismos e administración. Tamén foi relevante a aparición e accesibilidade pública da aplicación LIDAR no 2015, que “permite remover e analizar o modelo do terreo, e as súas características morfolóxicas específicas”, como indica no seu artigo Fernández Abella. O Castro dos Cotarelos, como remarca o historiador, é un exemplo máis das posibilidades que ofrecen estas tecnoloxías, pois foi o traballo remoto e dixital, complementado polo traballo de campo, o que permitiu a identificación deste castro “inédito”.

Pode que che interese...