fbpx
O historiador medieval Carlos Barros / cbarros.com

Carlos Barros (historiador): “A revolta irmandiña tiña que ser para os galegos como a Revolución Francesa para os franceses”

Tempo de lectura: 6 min.

A Revolta Irmandiña é un acontecemento fundamental na historia e na identidade galega. É un dos feitos máis coñecidos pola cidadanía, senón o que mais. Carlos Barros, historiador, é unha das principais referencias neste ámbito. Estudou Peritos en Vigo, máis tarde trasladarase a Madrid para estudar na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Madrid e participar na organización universitaria do PCE a finais dos 60.

“O marxismo político que practicamos naturalmente dalle moita relevancia á historia para entender o presente e o futuro. No ano 68, cando volvín a Galicia ratificouse máis o meu interese pola historia”, explica Barros. Entón, xa nos anos 80 estudou Historia en Santiago de Compostela para entender Galicia. Alí, comeza a interesarse pola revolta irmandiña. Ademais, é dos impulsores de Historia a Debate, que promove o coñecemento pola historiografía.

Por que comezas a estudar a Revolta dos Irmandiños?

Nos anos 80 deixei a actividade política e dediqueime á universidade. Entón nese momento xa me movía no campo das diferentes correntes historiográficas. Por un lado, viña do marxismo político que non é exactamente igual que o marxismo académico. E logo, achegueime a escola dos Anales e á historia das mentalidades. Estiven varios anos indo á Escola de Altos Estudos de Ciencias Sociais de París a comezos dos 90. Con esa dobre influencia, historia social e historia das mentalidades, non había mellor tema para iso que a Revolta dos Irmandiños. Por outro lado, sentía unha enorme curiosidade por estudar as maneiras de sentir, de pensar, de imaxinar que tiñan os protagonistas da revolta irmandiña.

Como de importante para un investigador é estudar fóra da súa contorna?

Esencial porque a historia como disciplina profesional e académica segue unha evolución internacional dende que nace como disciplina científica. Entón, París era o centro historiográfico de Europa. Hai estar ao día de como se escribe a historia en cada momento. Entón, eu nese sentido, dame pena que entendan a historia como algo que fan as grandes figuras, que reduzan a historia á historia política, a historia institucional, ignorando con maiúsculas todos os avances da nosa disciplina ao longo dos últimos 100 anos, que foi descubrir unha importancia da historia social e económica e a importancia das mentalidades da xente buscando sempre o protagonismo da maioría, o protagonismo social.

Volvendo á Revolta Irmandiña, hai expertos que rexeitan que a Revolta Irmandiña fose un movemento labrego e que o protagonismo tíñano as cidades. Que opinión che merece?

A maioría dos 150 cargos dirixentes irmandiños de tipo local e provincial eran campesiños, pescadores e artesáns urbanos. O primeiro grupo eran os campesiños, claramente estaban os alcaldes locais. Hai que buscar unha síntese. O protagonismo da Revolta Irmandiña, que é unha revolta nacional galega, é un protagonismo coral no que cada grupo social xogou o seu papel. A burguesía das cidades xogaron un papel importante porque son as que piden a extensión das Irmandades de Castela e Léon e consiguen no ano 1467 Enrique IV dese o seu consenso. Ao estenderse por todo o Reino de Galicia  entra en escea o campesiñado que xoga un papel decisivo no cambio de fase entre a formación da Santa Irmandade e as revoltas contra as fortalezas. Aí é cando o protagonismo campesiño popular é clarísimo, trátase do resultado máis importante da Revolta Irmandiña. O dato histórico máis relevante e que esas irmandades convertéronse nunha plataforma revolucionaria que revoca practicamente a totalidade das fortalezas do Reino de Galicia.

Cando se crea ese exército campesiño?

En Ourense cando van derrubar o castelo Ramiro xa empezaron o derrubo de fortalezas. Nese sentido hai un protagonismo político no comezo das Irmandades por parte da burguesía urbana, logo hai un protagonismo social evidente do campesiñado. Nese proceso de derrubamento de fortalezas créase un exército de maioría campesiña ata o final en 1469.

Sintonizaron ben a burguesía e o campesiñado?

Os dirixentes urbanos uns sintonizan máis co protagonismo popular e outros menos. Un dos que máis, un fidalgo de Osende, o gran dirixente da revolta irmandiña que hai en Santiago, Juan Domínguez de Liñares. Era un mercader, un burgués importante. Houbo unha alianza de sectores sociais, populares e burguesas. Incluso a burguesía era parte do que consideramos gobernamente pobre. Dende o fondo esa burguesía estaba tanto ou máis  interesada en desfacerse dos señores feudais, obviamente. Hai unha alianza natural entre a cidade e o campo na revolta irmandiña.

Que factores explican que mantivera o poder irmandiño durante dous anos?

Hai tres aspectos máis da alianza que explica, non só que se mantivera durante dous anos o poder irmandiño, senón que tamén da represión final. A alianza rural-urbana, a alianza cos sectores baixos da nobreza e a alianza cos sectores baixos e medios eclesiásticos. Curas e cabildos tamén estiveron moi comprometidos coas revoltas.

Cal era a posición do rei?

As forzas irmandiñas tiñan un tira e afroxa con Enrique IV. Ao principio daba cartas á Santa Irmandade facendo mención de que se derrubara algunha fortaleza na que podía haber malfeitores. O que pasa é que os irmandiños populares, e logo en xeral, entenderon que en todas as fortalezas había malfeitores, ou dito doutra maneira, que todos os señores eran malfeitores. Esta é unha proba do desprestixio á alta nobreza que gobernaba naquela época. Enrique IV pide que non derroquen certas fortalezas que participaran no seu bando na guerra civil. Non lle fixeron nin caso. Hai un intercambio coa xuntanza de Betanzos que fixo algo moi medieval: obedecer pero non cumprir.

Derrubaron torres e fortalezas que pertencían a algúns dos nobres que participaban  na Irmandade como o Comendador de Portomarín. Non deixaron enteira nin as que lle pedía Enrique IV, nin as dos propios fidalgos e cabaleiros que apoiaban a revolta. Enrique IV estaba moi abrumado porque estaba a perder a Guerra Civil en Castela e un pouco tamén por presións do seu entorno emitiu un documento de xullo de 1467 dando por bos os derrocamentos feitos polos Irmandiños e pedindo aos alcaldes das fortalezas que se resistían que as deixaran en mans da Santa Irmandade. Ao final foi unha alianza moi importante.

Como era a participación da Igrexa?

En todas as catedrais quen tomou o mando na Igrexa diocesana foron os cabildos. Insisto, é moi importante esa alianza cos cabildos porque participaron escollendo deputados e dando cartos  para as arcas da Santa Irmandade. Hai unha participación relixiosa baixo esa idea de que a Irmandade foi mandada por Deus para castigar os cabaleiros que están na crónica de Santa María de Iria, unha interpolación que fai un clérigo de coro da Catedral de Santiago que representa ese cura de base irmandiño que fai unha lectura milenarista da revolta. O que fixeron primeiro burgueses urbanos e Igrexa foi adaptarse a un vendaval civil que veu da sociedade porque non é nada fácil atoparse unha revolución como esa na Europa da época.

Unha mentalidade xusiticeira, todos tiñan queixa e problema cos señores da fortaleza e coa oligarquía feudal. A Igrexa das que máis, porque esta Igrexa Trastámara que iniciou un cambio de nobreza que houbo despois da Guerra de Trastámara en Galicia a partir de 1369. Pois simplemente de expropiou pola vía de encomenda, pola vía de usurpación simple, a maior parte das rendas eclesiásticas e inclusive das igrexas diocesana de Galicia. Eu creo que se gañou un respecto na sociedade galega que explica a importancia e o consenso, entre outras cousas, na época do Antigo Réxime.

Por que a Revolta Irmandiña é tan coñecida pola sociedade galega?

Fixen unha enquisa e o feito histórico máis coñecido foron os Irmandiños. Aí houbo un acerto moi grande na época de Irmandades da Falas ao transformar o termo español “Irmandinos” en Irmandiño que é un diminutivo afectivo. En xeral, o pensamento galeguista difundiu moito a revolta Irmandiña como feito histórico dende a época de Vicetto e Murguía. Para min é, ou debería ser, a revolta irmandiña para os galegos como a Revolución Francesa para os franceses.

Por que a Revolta dos Irmandiños e a Idade Media é tan relevante na formación da nación galega?

A época en Europa da formación das nacións é a época medieval. Non só na península ibérica. Esas nacionalidades que se formaron na época medieval logo na época moderna unha sse impuxeron a outras, se crearon estados. Eu sei que agora se presta moita atención ao Reino de Galicia, que expresa institucionalmente esa identidade que existe no noroeste peninsular dende o principio da Idade Media. Para min, a formación da identidade galega na Idade Media parte dos suevos e termina cos Irmandiños. Ademais, sen a Idade Media, Galicia como nación non existiría.

Cal é o elemento fundamental da formación da identidade galega?

Na miña opinión, o principal é o que souberon ver os clásicos do galeguismo: a formación da lingua. Unha lingua que nace por descomposición do latín clásico é un fenómeno social no que entra toda a sociedade a partir do reino suevo e sobre todo nos séculos VIII. A lingua é un produto social e iso é o que dá máis continuidade ao feito diferencial en Galicia ao longo da historia. Logo virá un discurso político que promova esa nacionalidade pero iso non pasa ata o século XIX.

Fórmase unha lingua propia porque hai unha sociedade diferenciada. Aí entran o factor lingüístico-cultural, o factor económico. O feudalismo galego non era o mesmo que había en País Vasco, en Castela ou en Cataluña. Ten unha característica moi singular que é a hexemonía Igrexa nese feudalismo, polo menos ata a guerra Trastámarada. No momento de pasar do galego oral ao galego escrito, o papel dos mosteiros foi moi importante e en xeral os señores precisaban facer escritos porque estaban establecendo unhas relacións sociais baseadas no foro. Iso precisaba dunha copia para o campesiño e outra que se quedaba ao señor. E tiña que estar na mesma lingua, o galego, a lingua que falaban os campesiños.

Pode que che interese...