Converterse nun monxe ou nun peregrino do s.XV: a nova forma de gozar do Mosteiro de Oia
“Un inquietante suceso está a punto de sacudir os muros da abadía…”. Así comeza a trama que poderás gozar no Mosteiro de Oia. O conxunto cisterciense abre ao público, e desta vez propón un xogo en vivo para desfrutar deste mosteiro dunha forma alternativa. Esta iniciativa está organizada pola empresa Realidad Alternativa, e súmase ás tradicionais visitas guiadas que comezaron a pasada semana.
Concilium: vive a historia, que así se chama o xogo, ofrece a posibilidade de converterse nun monxe, servo ou peregrino para resolver un misterio ambientado no s.XV, ao tempo que interactúan con outras personaxes e van resolvendo enigmas que atoparán neste mosteiro costeiro.
“Non é un videoxogo, nin unha room escape, nin un xogo de rol senón un en vivo”, explican dende o Real Mosteiro. Esta iniciativa ofrece unha nova posibilidade para coñecer este Mosteiro da Orde Císter do s.XII, que promocionan co lema “Mergúllate nos misterios de Santa María de Oia. Coñecerás o edificio e a súa historia na pel dun personaxe do século XV”.
O xogo estrearase o 21 de maio, e organizaranse seis roldas ata o 17 de setembro. Durante tres horas, os participantes non só estarán caracterizados con disfraces, senón que tamén poderán degustar produtos locais. Máis información en La Voz de Galicia.