fbpx

Un novo catálogo conta máis dun millar de hórreos en Carballo

Tempo de lectura: 2 min.

Un total de 1.052 hórreos son os que recolle o novo catálogo do Concello de Carballo. O catálogo de hórreos que vén de publicar a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no diario Oficial de Galicia é a mostra dun traballo que comezou no 2019, e que se ve concluído con esta publicación.

Hórreos de madeira, mixtos de pedra e madeira, só de pedra e de ladrillo ou cemento son as clasificacións que se poden atopar no catálogo… Porén, destacan subtipos que levan por nome a zona na que son máis común. Así, podemos falar dos Mariñán, propio de As Mariñas, que son aqueles de madeira con cámara estreita e alta, ou o bergantiñán, con cámara máis ancha. Ambos son de madeira e susténtanse sobre cepas. En canto aos de tipo mixto, destacan o de tipo Carral, similar ao Bergantiñán pero con pedra nas paredes menores, e o tipo Mahía, longo e estreito. Os tipos San Pedro de Visma, Coristanco e Fisterra refírense aos de pedra, mentres que o tipo Carballo son aqueles de ladrillo e cemento.

Ademais, o documento tamén saca á luz os datos respectivos ao número de hórreos por concello, sendo Sofán e Rus os núcleos con máis cabaceiros. Respectivamente teñen 155 e 136 cada unha.

Este catálogo, ademais de recompilar todos os hórreos que se atopan no concello, serve de axuda para saber a súa tipoloxía e características e así ser unha guía sobre os perímetros de protección. Isto cambia segundo a súa catalogación, da mesma maneira de se é ou non é un Ben de Interese Cultural. Tamén axudará a coñecer que permisos se necesitan para levar a cabo obras, tanto nos propios hórreos como nos seus arredores.

Cabe destacar que o documento “identifica os hórreos realmente existentes”, o que implica que tamén se descartaron edificacións que se catalogaron con anterioridade de maneira errónea.

Máis dun millar de hórreos  contan cunha ficha informativa, o primeiro paso para a súa conservación e protección. Anteriormente, o PXOM recollía 2.109 construcións deste tipo, dos que só a metade aparecen recollidos neste novo catálogo. Porén, como explican dende La Voz de Galicia, isto non implica que non sexan hórreos, se non que non requiren o mesmo grado de protección. Máis información en La Voz de Galicia.

 

Pode que che interese...