fbpx

Piden incluír nove mámoas de Ponteceso no Parque do Megalitismo polo seu valor patrimonial e mitolóxico

Tempo de lectura: < 1 min.

Un total de oito concellos da Costa da Morte posúen enclaves megalíticos que se inclúen dentro do Parque do Megalitismo. Porén, non forman parte deste conxunto nove mámoas, coñecidas como as mámoas do Vaqueiro, que se atopan na ladeira do monte Faro, creando así unha gran concentración deste tipo de xacemento.

Por iso, dende a Asociación Cultural Nosa Señora do Faro, de Brantuas, piden que se inclúan as mámoas dentro do Parque do Megalitismo, tendo en conta o interese patrimonial e cultural do lugar. “É a máis grande concentración de mámoas da volta, e sería de alto interese que se incluísen nese proxecto da Deputación da Coruña”, indican dende a asociación, como recolle o xornal El correo Gallego. “Sería unha grande achega ao Parque do Megalitismo, tanto pola cantidade de mámoas como pola súa excelente situación xeográfica nun dos máis improtantes miradoiros da Costa da Morte desde onde se divisa toda a comarca de Bergantiños e outras limítrofes”, engaden.

A isto súmaselle o feito de que no lugar, ao carón do camiño real entre Brantuas, Niñóns e Corme, hai outros elementos de interese patrimonial como un petróglifo e dúas conviñas. O valor mitolóxico e xeolóxico tamén se suma ao interese que esperta o lugar.

Ademais, para poñer en valor o lugar, a Asociación Cultural Nosa Señora do Faro xa traballa nunha ruta arqueolóxica e cultural que achegue todos os segredos e tesouros do monte aos visitantes. Polo de agora, está a organizarse unha mesa de traballo para a redacción do proxecto, que esperan sexa aceptado polas administracións. Máis información en El Correo Gallego.

Pode que che interese...