fbpx
Excavación realizada no Outeiro Grande / Árbore Arqueoloxía

Na procura da grande estrutura neolítica da Serra do Carrio

Tempo de lectura: 3 min.

A Serra do Carrio alberga, nos límites dos concellos de Vila de Cruces e Lalín, un parque eólico de Gamesa. E, na zona de delimitación do propio parque existe un recinto chamado Outeiro Grande. Trátase dunha estrutura circular que foi descartada nos estudos arqueolóxicos previos á instalación do parque eólico en 2002. “Non hai ningún castro”, concluía o estudo arqueolóxico realizado o que permitiu, finalmente, a realización do parque eólico que afectou a un das partes deste xacemento.

E hoxe, este lugar xa profanado pola industria eólica, podería ocultar un importante sitio arqueolóxico; un “henge”, unha estructura circular da época neolítica que vai dos 20 aos 300 metros de diámetro e que, ata ben pouco, eran case descoñecidas en Galicia.

O historiador Armando Vázquez e o divulgador Antonio Présas foron os que deron a coñecer un espazo descoñecido que garda unha gran riqueza arqueolóxica. Posteriormente, en 2017 a observación duns planos lidar do noroeste da serra alertou ao investigador e colaborador de Historia de Galicia, Elixio Vieites, doutro recinto inédito e de gran similitude ao anterior, que os veciños chamaban o Coto Grande. Tamén falaba dun conxunto de nove mámoas situadas nas Brañas de Abonxo, a 200 metros ao noroeste do Outeiro Grande.

Desfeita nun dos muros de Outeiro Grande tras a construción do Parque Eólico / Elixio Vieites

Coto Grande, ao noroeste da serra , a unha altitude de 695 m, está a 2,5 km en liña recta de Outeiro Grande e a 800 m. ao sur das mámoas do Coto do Camballón, no concello de Vila de Cruces. Amosa un muro circular moi esborrallado de 48 metros de diámetro exterior, e  ten unha inmellorable visión cara o oeste, chegándose a divisar dende este punto o Pico Sacro.

Pola súa banda, Outeiro Grande, na parte suroeste da serra, presenta tamén unha muralla circular cun diámetro duns 75 metros, pero foi cortado de noroeste a suroeste ao non ser considerado no seu momento un lugar arqueolóxico. A  súa altitude, de 700 m, coincide case á perfección coa de Coto Grande.

A situación deste xacemento na paisaxe é espectacular. Desde ela aprecianse boa parte das cadeas montañosas de Galicia tal e como apunta o propio Presas nesta imaxe.

Montes que se ven desde o Outeiro Grande, na Serra do Carrio / Antonio Presas

Precisamente, foi Elixio Vieites o que escribiu en 2017 un artigo neste portal web no que, comparando diversas imaxes lidar da estrutura, sinalaba a posibilidade de estar ante un henge e avanzaba que “só un estudo arqueolóxico en profundidade podería delimitar as súas similitudes e a época á que  atribuílos, ou por outra banda descartalos como henges e determinar outras posibilidades”.

Lidar aos xacementos da Roda, Coto Grande e Outeiro Grande / Elixio Vieites

En 2021 levouse a cabo unha primeira intervención realizada por Árbore Arqueoloxía co obxectivo de comprobar se se trataba dunha estrutura arqueolóxica prehistórica. A finais do pasado setembro tiña lugar outra campaña de escavación. Nesta segunda campaña abriuse unha gavia de 14 por 1,5 metros ao norte para tentar confirmar as hipóteses de que poidamos estar ante un henge.

Pode que che interese...