Que facían 200 moedas romanas escondidas nun castro das illas Ons?
O castro do Castelo dos Mouros non para de dar sorpresas. As últimas intervencións do grupo arqueolóxico de Adolfo Fernández, da Universidade de Vigo, con financiamento da Xunta de Galicia, sacaron á luz factorías de salga e elaboración de púrpura no litoral o que demostran a importancia deste xacemento.
Pero o que realmente chama a atención é o tesouriño atopado nunha das vivendas do castro e que contén unhas 200 moedas romanas do século III ou IV que foron agachados por algunha razón descoñecida nun momento no que no Imperio romano neses séculos e incremento da inseguridade e das turbulencias políticas.
O castro posúe unha gran muralla de terra que podería acadar os 14 metros de altura e en forma de media lúa e un foso moi visible. Preceden a este foso outros dous, concéntricos. Os investigadores indagan agora o valor dese tesouriño e os motivos para agochalo pero quizais teña que ver coas lendas que aínda garda este emblemático castro.
Segundo recolle Elixio Vieites en Patrimonio Galego, Esther de 64 anos, e veciña da illa, lembra que cando era nena, ela e outros rapaces ían co gando por esta zona e metíanse por unha entrada que daba a unha cova ou túnel que se chamaba “burato dos mouros” que estaba ao pé do castro. Camiñaban por el pero nunca chegaron a súa fin, pois collían medo da escuridade. A entrada estaba enmarcada entre dúas grandes pedras que acabaron por derrubarse a causa dun raio e dende aquela quedou pechado o acceso. Seica acababa no illote do Cairo que está cerca da praia do Canexol, ao leste do castro.