fbpx
Mergullo na campaña do galeón San Francisco, na ría de Ribadeo / foto Miguel San Claudio Xornal da Mariña FORSEADISCOVERY

Descobre o patrimonio subacuático galego grazas á realidade virtual

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta de Galicia renovou a instalación de realidade virtual do Galiverso na Cidade da Cultura cunha nova proposta “para descubrir o patrimonio galego oculto baixo as augas”.

Coincidindo coa Semana Santa e baixo o título ‘O Galiverso somerxido’, proponse ao visitante unha viaxe en batiscafo virtual desde o que vivir a experiencia de mergullarse entre peixes, baleas e golfiños, transitar entre as bateas dedicadas ao cultivo do mexillón, coñecer o ecosistema que alberga pecios como o de Achondo (un pesqueiro vasco afundido preto das Illas Cíes) ou explorar restos arqueolóxicos de episodios históricos como a batalla de Rande.

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, visitaron este mércores a instalación xunto á coordinadora da actividade, Fátima García Doval, e as mergulladoras da cooperativa 13graos que realizaron as gravacións submarinas coas que se deu forma á experiencia.

O resultado é unha travesía que difunde, a través das tecnoloxías dixitais e inmersivas, a importancia histórica, económica e medio ambiental dos mares galegos, así como a necesidade de implicar a cidadanía na súa conservación.

GRATIS CON RESERVA DE PRAZA

A instalación pode visitarse, gratuitamente, desde este mércores no Museo Centro Gaiás. A experiencia é accesible a partir dos 10 anos de idade e é necesario reservar previamente praza a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás.

A sala dispón de sies cadeiras co seu propio equipo de realidade virtual e a exploración realízase de forma simultánea. Unha narración (dispoñible en galego, castelán ou inglés) acompaña a viaxe, ofrecendo instrucións sobre o funcionamento do batiscafo e explicacións da fauna, flora, obxectos e lugares que se poden ver no fondo mariño.

Os horarios de apertura son de martes a venres, en horario de tarde, de 16,00 a 20,00 horas; así como sábados, domingos e festivos, de 11,00 a 14,30 horas e de 16,00 a 20,00 horas.

Pode que che interese...