fbpx
Soportales do Berbes iluminados polo sol nunha foto antiga coloreada

Unha posible explicación á etimoloxía dun dos barrios máis coñecidos de Vigo; O Berbés

Tempo de lectura: 2 min.

Berbés é un coñecido barrio mariñeiro do Casco Vello da cidade de Vigo que algúns queren identificar como o xermolo da populosa cidade olívica. O topónimo do Berbés componse de dúas raíces etimolóxicas claramente diferenciadas:

Por unha banda temos a famosa raíz “ber” ou “bar. A raíz “bar” é unha raíz etimolóxica de suposta orixe fenicia moi abondosa na costa de Galicia. Está presente en topónimos costeiros coma Barra, Barbanza, Baroña, Barizo ou Bares. Significa mar, costa, porto, refuxio ou pousada marítima. “Bar” en lingua semítica significa mar. Outra posibilidade etimolóxica, se cadra coa mesma orixe xeográfica, é a opción indoeuropea “var” co mesmo significado de auga ou ourela. Desta raíz derivarían palabras tan coñecidas coma “vera” ou “beira”.

Mapa de Vigo, co porto do Berbés xa tapado polas outras dúas grandes dársenas da cidade

Por outro lado temos a raíz “bes” con outro significado totalmente diferente. O radical “bes” está presente en palabras coma “veso”, “vesar”, “bisel” ou “bies”. “Beso” en galego significa “virar” ou “xirar”, o “veso” era o arado de ferro, unha peza metálica en bisel empregada para xirar ou voltear a terra. A palabra “bisel” comparte a mesma orixe e vén do francés “biaiseau” co significado de “dirección oblicua”. Todas as palabras anteriores proceden a súa vez do termo latino “biaxis” co significado de oblicuo ou sesgado.

Polo tanto, e rematando, o topónimo Berbés significa costa oblicua ou de sesgo que mira ó solpor, lugar onde a costa xira para adoitar unha dirección sesgada en contraposición a un tramo rectilíneo previo ou anterior. O Berbés sería, en definitiva, un abrigo marítimo, un porto de mar situado nun tramo de costa oblicua que xira para arrostrarse directamente ó solpor. Noutro senso, xa menos probable, a raíz “bes” pódese interpretar coma unha adaptación, corrupción ou evolución fonética da palabra “baixo”, e polo tanto o topónimo Berbés viría a significar algo así como “ribeira baixa”.

Escrito por

Arquitecto, historiador e investigador

Pode que che interese...