fbpx
Monte Liboreiro, en Bueu / http://aernobriga.esy.es

A historia do podomorfo de Liboreiro (Bueu)

Tempo de lectura: 2 min.

O blogue Aaernobriga recolle unha interesante historia sobre o podomorfo do monte Liboreiro, en Bueu. Unha historia na que no faltan, por suposto, os mouros…

Así lembra o relato da súa avoa: “No alto do Monte Liboreiro residían nun tempo pasado os mouros, os antigos poboadores deste lugar. Estes mesmos foron os que erixiron a igrexa do Valado. Moitos, como “a Galana” vella, déronos visto como ían alí a “tomar posesión”. I e que os mouros eran moi guerrilleiros, sempre estaban enfrascados en liortas entre eles.

Un día chegou ata o Liboreiro o Apóstolo Santiago xunto cun tenente que xa participara nas antigas guerras cos mouros do lugar. Ámbolos dous portaban un loro, e cando chegaron ó Liboreiro os dous milagrosamente falaron. O loro de Santiago dixo: “ven, ven, que por aí vas ben”, mentres o do tenente respondeu “vai, vai, que por aquí non vin”.

O Apóstolo Santiago, de a cabalo, derrotou ós mouros e expulsounos do Liboreiro a través do Cabo Udra. Aínda hoxe son visibles as trincheiras que utilizaron os mouros para se defender. Antes estaban cubertas de pedras, mais estas foron aproveitadas para construír os muros que separan os eidos hoxe en día.

Deste enfrontamento quedaron as pegadas do cabalo e do mesmo Apóstolo gravadas nas pedras da Pirulla. Os mouros, expulsados do seu territorio, deixaron un escrito e gravaron os seus tres nomes nunha pedra coma testemuña da súa propiedade do lugar.

I e que os mouros tiñan unha boa razón para volver. Entre os restos que deixaron no Liboreiro aseguran que quedou unha gran riqueza en ouro oculta nunha mina. Mais existen dúas covas, a que esconde o tesouro dos mouros e a que resgarda unha mina de veleno. Moitos intentaron buscalas, mais ninguén puido atopar aínda o ouro dos mouros.

Podomorfo no monte Laboreiro, en Bueu / http://aernobriga.esy.es

Podomorfo no monte Laboreiro, en Bueu / http://aernobriga.esy.es

– Avoa… e non poderei eu atopar ese ouro? –dixen, cos ollos ben abertos cun húmido brillar áureo-. Subirei ata a Pirulla e buscarei debaixo desas pedras, non quero que vivamos sempre pobres.

Aínda es moi pequeno para ires ti só, mais nun tempo deberás ir. Todos debemos subir ó Liboreiro, aínda que sexa unha vez na vida, ben o sabe todo o mundo. Recorda, no alto da Pirulla hai que fixarse nunha rocha que ten gravada unha cruz. Se pegas a orella nesta rocha pódese escoitar un torrente de auga que baixo terra vai dende o Liboreiro ata o Facho de Donón.

Pero nunca subas de noite. Nesas mesmas rochas que se atopan no alto do monte aparecese tódalas noites unha fermosa moura peiteando á luz da lúa o seu longo e liso cabelo louro cun peite de prata. Mais cando a xente se acerca para ollala súa fermosura, esta esvaécese no momento”. Podes ler a redescuberta do podomorfo de Laboreiro en Aernobriga.

Pode que che interese...